Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

15 de outubro 31 October 2006, 11:33

Esperta e atopa un león dentro da casa
A chilena Olga Bustamante espertou o venres de madrugada cun súpeto presentimento de que algo estraño acontecía. Baixou nerviosa da cama, foi ao cuarto de baño e entón oíu un forte ruxido que a acabou de espertar.
Na súa casa, na localidade de Rancagua, 80 quilómetros ao sur de Santiago de Chile, había un león.
Segundo informou a emisora Radio Digital FM, a muller chamou á policía, que despois duns minutos conseguiu capturar o animal.
O felino, chamado ‘Xiango’ fuxira da súa gaiola do circo ‘Las águilas humanas’, xunto a outros dous animais, que tamén foron felizmente recuperados.

Dimiten os líderes dunha igrexa que adoraba a marihuana
Dan e Mary Quaintance, parella de Pima, Arizona, renunciaron a seguir dirixindo unha congregación que considera que a marihuana é un sacramento e unha divinidade. O motivo da dimisión foi que os cargos federais aos que se enfrontan impídelles dirixir a igrexa. No mes de febreiro foron arrestados por levar no coche 78 quilos de marihuana, e enfróntanse a unha posible condena de 40 anos de cadea nun xuízo que se celebrará o vindeiro día 30.
Dan Quaintance, de 53 anos, está preocupado porque a súa igrexa está fracturada, sen líderes espirituais. A congregación fundouna no ano 1991 e consta de 45 membros.
A defensa baséase na liberdade de credo para que se lles permita empregar unha droga ilegal, aínda que o fiscal asegura que a igrexa é só unha tapadeira para o tráfico de estupefacientes.
Pero hai precedentes ao seu favor. No mes de febreiro o Tribunal Supremo decidiu que o goberno non tiña dereito de requisarlles un té alucinóxeno aos membros dunha igrexa de Novo México, denominada O Centro Espirita Beneficiente União Do Vegetal.

Pagan case medio millón de euros pola maqueta da nave Enterprise de Star Trek
Unha maqueta da nave Enterprise que se empregou no episodio piloto e posteriores da serie Star Trek A Nova Xeración vendeuse o sábado nunha poxa por 576.000 dólares, 454.800 euros.
Tamén se sacaron a poxa traxes e ferramentas que se usaron ao longo dos 40 anos de historia da serie de ciencia-ficción.
A miniatura, construída pola empresa Industrial Light and Magic, estreouse nas pantallas de televisión no ano 1987, e converteuse nunha das estrelas tanto da serie como das versións cinematográficas.
A casa Christie’s calculou que a maqueta se vendería por entre 25.000 e 25.000 dólares, pero as previsións quedaron moi curtas. Os máis de mil obxectos relacionados coa serie vendéronse durante tres días en Manhattan e, por eles, os estudos CBS Paramount recadaron 4,9 millóns de dólares, 3,87 millóns de euros.

Un sueco cultiva a cabaza máis grande de Europa. Pesa 534,1 quilos.
O domingo pasado presentouse en Ludwigsbourg, suroeste de Alemaña, a cabaza máis grande de Europa, nun campionato anual. A deste ano pesa 534,1 quilos, o que supera amplamente os 475 da presentada na edición anterior por un cidadán belga.
O dono da enorme cabaza é un sueco de 32 anos, vendedor de mobles, e que tardou 28 horas en levar a hortaliza dende Alem ata Ludwigsbourg. O gañador asegurou que para conseguir unha cabaza deste tamaño fai falla boa terra e moita auga.
No certame participaron catorce persoas de oito países que competían por un premio de 3.000 euros. Os organizadores aseguran que, aínda que estas cabazas son comestibles, o seu sabor non é moi bo.

En Irán, ter o número de móbil 123456789 costa 76.000 dólares
O ministerio de Telecomunicacións do Irán puxo á venda un total de 500 números de móbil de doada memorización a prezos que oscilan entre os 800 e os 76.000 dólares, do 123456789. No estado islámico, os números celulares comezan polo prefixo 09. Dos preto de 11 millóns de liñas que existen no Irán, os 400.000 números máis doados de lembrar fóronlles dados a responsables do ministerio ou ben están á espera de seren repartidos.
Os sobres coas ofertas polos primeiros 500 números que sairán á venda abriranse o día 30 de outubro perante un representante da xustiza. O diñeiro recadado servirá para mellorar a rede de telefonía.
Actualmente, o titular do 0912-3456789 é un responsable do ministerio, que recibe cada día máis de 30 mensaxes de xente que quere mercar a liña. Algúns mesmo propuxeron 1.000 millóns de riais (algo menos de 100.000 euros) ou cambiar o número por un apartamento.

O goberno británico financia un robot contra a calvicie
O goberno do Reino Unido financiará con 1,85 millóns de libras esterlinas (2,75 millóns de euros) unha empresa de Cambridge que está a construír un robot para axudar a tratar a calvez.
Con este diñeiro, a empresa Intercytex espera mellorar un tratamento que consiste en coller folículos da caluga, multiplicalos e implantalos na cabeza. Por merio dun sistema robótico pretende acelerar o proceso de multiplicación das células capilares.
Segundo explicou o conselleiro delegado de Intercytex, Nick Higgins, a tecnoloxía é un desafío, pois ninguén fixera antes algo así.
A investigación da compañía británica atópase na fase de análise, despois de ter ensaiado nun pequeno grupo de voluntarios. O cabelo extráese nunha operación de 30 minutos con anestesia e reimplántase tres semanas despois.

O príncipe Carlos de Inglaterra afirma que a súa familia é como unha telenovela
O presentador da BBC Jeremy Paxman, no seu libro ‘On Royalty’, sobre a familia real británica, conseguiu unhas interesantes declaracións de varios dos seus membros.
Así, o príncipe Carlos, reflexionando sobre o papel da súa familia no Reino Unido actual, asegurou: “Creo que somos unha telenovela”.
Tamén se conta que o príncipe pide que os cociñeiros lle fagan sete ovos cocidos para poder escoller o que teña unha consistencia perfecta, aínda que os propios empregados da casa real negaron oficialmente esta historia.
Pola súa parte, o pai de Carlos, o príncipe Filipe, coñecido polos seus comentarios politicamente incorrectos, afirmou que se retirou voluntariamente da exposición aos medios para evitar provocar máis situacións vergoñentas.
O home da monarca británica dixo: “Cada vez que falo cunha muller din que me deitei con ela, como se ela non tivese poder de decisión no tema”. Con 85 anos, Filipe concluíu: “Á miña idade, síntome afagado por que algunha moza estea interesada por min, pero é absolutamente absurdo”.

Comments

comentarios desactivados para este artigo