As mulleres que leven pantalóns nunha rexión angolesa deberán pagar dúas cabras de multa
O rei angolés Bingo-Bingo ditou a semana pasada unha serie de normas que pretenden preservar unha determinada moral pública. Así, na rexión de Cuito Cuanavale, provincia de Kuando-Kubando, as mulleres que vistan pantalón terán que pagar unha multa de dúas cabras.
Os homes que manteñan relacións sexuais cunha muller casada que non sexa a súa, terán que aboar catro bois, e se deixan preñada unha muller antes da voda, pagarán dous bois.
Outro dos castigos impostos por Bingo-Bingo consiste en vinte lategazos aos que fagan as súas necesidades na rúa.
A pesar do empeño deste rei, o uso do pantalón está moi estendido entre as mulleres da zona, non tanto no norte de Angola, onde o costume tradicional obriga as habitantes de sexo feminino a levar saia.
Unha muller fea demanda un programa de televisión pola morte da súa irmá
Unha muller de Texas demandou o reality show da cadea estadounidese ABC ‘Extreme Makeover’ (remodelación extrema) por máis dun millón de dólares. A demandante afirma que a cancelación da súa aparición no programa levou á morte á súa irmá.
Deleese Williams, de Conroe, Texas, asegura que foi aos Ánxeles a concursar no programa despois de facer probas médicas para saber se os seus dentes tortos e ollos saltóns se podían amañar, e se o seu peito se podía realzar. Na descrición asegúrase: “Deleese Williams é fea, e un médico prometeulle un sorriso de Hollywood coma o de Cindy Crawford”.
Previamente ao programa, os produtores mandaron varias persoas á casa de Williams para facerlle unha entrevista á familia, na que, segundo a demanda, o programa manipulou a irmá da concursante, Kellie, para facer declaracións crueis sobre a aparencia de Deleese.
A noite antes do cambio de imaxe, os produtores aseguraron que lle levaría demasiado tempo cicatrizar a queixada, polo que cancelaron a súa participación no programa. Kellie, moi afectada polo que dixera da súa irmá, presuntamente suicidouse. A cadea ABC, propiedade da compañía Walt Disney, non quixo facer comentarios ao respecto.
Un xaponés recita de memoria 100.000 decimais do número pi
Un psiquiatra xaponés, Akira Haraguchi, de 60 anos, pasou dezaseis horas recitando de memoria 100.000 cifra decimais do número pi, co que afirma que superou un récord do mundo. A experiencia tivo lugar nun auditorio de Kirasazu, ao leste de Toquio.
O xaponés comezou a recitar as cifras o martes ás nove da mañá e rematou á unha e 28 minutos da madrugada do mércores.
Haraguchi fixo pausas de arredor de cinco minutos cada unha ou dúas horas, indo a unha sala de descanso e comendo bólas de arroz. Todas as súas actividades, mesmo cando ía ao baño, foron gravadas para que o libro Guinness comprobe a súa veracidade.
O número pi (π) é a relación entre a lonxitude da circunferencia e o diámetro da mesma (nunha xeometría euclídea), e represéntase normalmente reducíndoo aos seus dous primeiros decimais: 3,14.
Como número irracional que é, non hai límite teórico ao número de decimais que o forman. Akira Haraguchi asegurou que non só pretende memorizar as cifras, senón tamén procurar unha historia en pi.
No ano 2002, matemáticos da universidade de Toquio, coa axuda dun supercomputador, acadaron o récord do mundo de cálculo de cifras do número pi, cun total de 1,24 billóns de decimais.
Gañan os premios Ig Nobel 2006 un estudo para curar o impo e outro sobre o cheiro dos pés
A Universidade de Harvard entregou esta semana os premios Ig Nobel, nos que se honran os traballos científicos máis absurdos do ano, coincidindo coa entrega dos Nobel en Suecia.
Os gañadores foron anunciados pola revista de humor ‘Annals of Improbable Research’, que resaltou o traballo feito por científicos estadounidenses e israelís para curar o impo. Segundo eles, a introdución dun dedo no ano é un remedio infalible. O Ig Nobel de Bioloxía levouno Bart Knols, da Universidadr Wageningen de Agricultura en Holanda, o Instituto Nacional de Investigación Médica de Tanzania, e o Organismo Internacional de Enerxía Atómica, por demostrar que o mosquito ‘Anopheles gambiae’ que transmite a malaria, se sente atraído polo cheiro do queixo limburgo e dos pés humanos.
En Matemáticas, os gañadores foron dous australianos que calcularon o número de disparos fotográficos necesario para que todas as persoas dun grupo saian cos ollos abertos.
Outros estudos premiados foron un sobre por que é tan molesto o ruído que fan as unllas sobre unha pizarra e o invento dun dispositivo repelente para adolescentes, que só eles poden oír.
Un anglo-canadense busca muller a través dun blogue
Hai un par de semanas falabámoslles dunha italiana que ofrecía no seu blogue unha noite de sexo a cambio dun contrato fixo. Pois ben, agora un anglo-canadense de 29 anos, Allan Wills, está a empregar o seu diario persoal para atopar a muller da súa vida.
Na súa páxina, areyoumywife.blogspot.com, asegura que irá a calquera parte do mundo para obter a cita perfecta. El mesmo paga as viaxes, aínda que non rexeita que llos agasallen, pero ao final sempre comparte os gastos. Recibiu propostas dunha muller cun veo, á que só se lle vían os ollos, a dunha web matrimonial vietnamita e mesmo a dunha australiana casada que asegurou estar a pensar seriamente en divorciarse.
Este home, residente en Londres, non está interesado en propostas masculinas, fala inglés, francés, español e italiano, non fuma e non ten pelos nas orellas. Ata o momento, ten once firmes candidatas, das que dúas xa eran amigas súas. A que ten todas as papeletas é unha norteamericana, de Utah, que xa ten dereito a unha segunda cita e que xa lle presentou a súa nai a Wills.
Un ucraíno inventa un condón musical
En Ucraína vai saír á venda un preservativo musical que sobe automaticamente o volume e o ritmo da canción segundo a intensidade do acto sexual.
O seu intentor é Grigoriu Chausovsky, da cidade de Zaporozhye, quen afirma que o condón está dotado dun sensor que rexistra cando é introducido. Ese sensor transmítelle un sinal a un microaltofalante, instalado na base do profiláctico, e que interpreta a canción.
Segundo Chausovsky, como o sexo se volve máis apaixonado, o aparello percibe a velocidade crecente dos movementos e toca a melodía máis rapida e ruidosamente.
Unha canadense gaña a lotaría despois de ter un soño
Mary Wollens, canadense de 85 anos, gañou 16 millóns de dólares (11,2 millóns de euros) á lotaría grazas a un soño. A muller, que vive en Toronto, mercara un billete e, días antes do sorteo, soñou que o boleto estaba acompañado dun gran cheque. Grazas a isto, mercou un segundo billete coa mesma numeración, polo que levou o dobre de premio do que lle tería correspondido nun principio. Mary Wollens gañou os dous terzos do premio de 24 millóns de dólares canadenses, que terá que compartir con outro acertante.
A señora espera ir ás Vegas a probar a súa sorte nos casinos e mercar unha casa nova, segundo declarou ao Toronto Star. Mary Wollens está xubilada, ten un fillo e un neto e perdera o seu home e a súa filla hai varios anos.
Comments
comentarios desactivados para este artigo