Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

1 de outubro 9 October 2006, 02:51

Denuncian un profesor de universidade chinés que se espiu nunha clase de arte
Mo Xiaoxin, profesor asociado de 56 anos na universidade de Changzhou, ao leste da China, deixou aparvados aos seus alumnos ao se espir durante unha clase de arte corporal para enfatizar o poder do corpo e desafiar tabús, segundo informou Beijing News.
Un voceiro do ministerio de Cultura afirmou que aínda que non existen tabús no eido da investigación, facer isto durante unha clase non é o axeitado.
A sesión formaba parte dun curso do recén creado instituto de investigación sobre a arte e cultura corporal humana.
Mo contou co apoio de catro modelos: unha parella de 70 ou 80 anos e outra máis nova, que se espiron diante do público mentres el daba clase.
Durante a aula, que durou case unha hora, o profesor tamén convidou aos estudantes a se espiren. Un alumno afirmou: «o profesor Mo parecía moi excitado emocionalmente nese momento. Mentres falaba, afrouxou o cinto e sacou os pantalóns, e permaneceu espido sobre a tarima».
A sesión núa fixo que moitos dos 30 estudantes se sentisen incómodos. Algúns miraron ao teito e outros ao chan.
Segundo o voceiro do ministerio de Cultura, o curso aínda está en fase de estudo, e non se sabe se produciu efectos positivos ou negativos.

Pagan 4.300 euros por unha Barbie
A sala Christie’s, de Londres, sacou a poxa a que se cre maior colección privada de Barbies, composta por case 4.000 bonecas de 29 centímetros. As propietarias, as holandesas Ietje Raebel e Marina Kochen, fóronas reunindo durante corenta anos. Na colección inclúense tamén varios Kens e outros membros da familia da Barbie, e ocupaban tres cuartos enteiros da casa da propietaria.
O lote que acadou o prezo máis alto foi a morena Barbie numero 1, do ano 1959, en traxe de baño, pola que se pagaron 2.880 libras, que ao cambio veñen sendo 4.300 euros.
En total, recadáronse 145.000 euros pola colección completa, que se vendeu integramente. As donas non quedaron nin sequera coa súa preferida, a Gala Evening Barbie, vestida con traxe de noite e abrigo azul satén. As propietarias chegaron a pensar en abrir un museo, pero ao final non souberon que facer con tantas bonecas.

Un rapaz de 14 anos escapa de Miami a Cuba por amor
Un adolescente de 14 anos fixo unha viaxe oposta á habitual nestes casos, dende Miami ata Cuba, supostamente por amor. Todo isto fíxoo despois de lle roubar a tarxeta de crédito ao seu pai e pasar polos controis do aeroporto sen que ninguén se decatase da súa idade, segundo informou El Nuevo Herald.
O neno, Alfredo Díaz, colleu un voo de Miami ás Bahamas e de alí a Cuba. Seu pai, co mesmo nome, recibiu unha chamada da illa na que lle dixeron que o menor estaba aló. Nese momento, soubo que o seu fillo mercara o billete por internet coa súa tarxeta de crédito.
«Non podo crer que o meu fillo puidera pasar todos os controis de seguridade e que non o detivesen nin lle preguntaran por que viaxaba só», explicou.
O rapaz viaxara hai uns meses a Cuba, onde coñeceu á rapaza dos seus amores.

Un preso foxe da cadea agochado no lixo
Un recluso de 22 anos conseguiu escapar do cárcere despois de pasar máis de dez horas agochado nun colector de lixo do penal de San Francisco, na provincia arxentina de Córdoba.
Leandro Stessen, que cumpría unha condena por roubo, conseguiu despistar dous gardas e meterse dentro dun dos colectores que logo se verteron nun camión do lixo sen que ninguén se decatara da súa presenza.
Cando o vehículo parou diante da saída do cárcere, o mozo saíu de entre os refugallos, saltou o arame de seguridade e fuxiu nunha bicicleta que agardaba por el á saída.
As autoridades abriron unha investigación para coñecer a responsabilidade dos gardas que presenciaron a fuxida.

Deteñen un home que manipulou o teléfono dun ascensor para chamar ao estranxeiro
Os mossos d’esquadra detiveron o martes un cidadán francés veciño de Roses (Girona), acusado de manipular o intercomunicador de emerxencias do ascensor do edificio no que vivía para facer chamadas a Francia e a Rusia.
O custo destas comunicacións foi de aproximadamente 500 euros.
Ese foi o importe da factura que recibiu a comunidade de veciños, titular da liña, que decidiu denunciar a situación o 18 de setembro.
Os investigadores descubriron que alguén manipulara o teléfono do ascensor, para facer chamadas a Francia, Rusia e varios puntos de España.
As sospeitas recaeron nun cidadán francés que vive en Roses e que ten unha muller rusa. Richard P, de 42 anos e veciño do bloque, foi detido o martes como presunto autor dun delito de defraudación de fluído eléctrico e análogos.
Ademais, o home estaba reclamado pola xustiza francesa por un delito contra a liberdade sexual. Xa tiña antecedentes por feitos semellantes e fora acusado de violación, chantaxe e roubos con arma de fogo en Francia.

Abre na China un hotel con lingotes de ouro na entrada
Na cidade chinesa de Harbin, no nordeste do país, abriu un hotel que ten no chan da planta baixa 270 quilos en lingotes de ouro. Estes, colocados como lastros, atópanse debaixo dunha cuberta de vidro no recibidor do hotel e forman dous corazóns de ouro.
O hotel chámase Paradise Island e é propiedade da inmobiliaria chinesa Wanda. Aínda que non se fixo público o custo do chan de ouro, calcúlase que o seu prezo oficial máis os gastos do transporte poderían acadar os cinco millóns e medio de euros.
O obxectivo do adorno é atraer clientes. O director de vendas do hotel, Yin Yingchuan asegurou que xa moitas persoas se achegaron a velo e que algúns quedaron a cear.

Un neno inglés de 3 anos merca un coche convertible rosa por 13.400 euros
Jack Neal ten só tres anos, pero converteuse, por pouco tempo, no dono dun coche convertible de cor rosa despois de mercalo por 9.000 libras, 13.400 euros, a través do portal de internet eBay.
A súa nai declarou á BBC que deixara o ordenador conectado co contrasinal para acceder á páxina de poxas virtuais, e que o seu fillo usou a opción de «mercar agora» para facer efectiva a compra.
Jack é moi esperto para usar o computador e ademais premeu todos os botóns correctos, afirmou, orgullosa, Rachel Neal.
O home que ofrecía o automóbil, un revendedor de Worcestershire, quedou sorprendido pola tentativa de compra e acordou non forzar a venda.
Por sorte, segundo a señora Neal, viu o asunto con humor e vai publicar de novo o anuncio.

Comments

comentarios desactivados para este artigo