Trece taxistas chineses obrigan unha muller a dar a luz na rúa por unha superstición.
Unha muller tivo que parir na rúa despois de que a botaran do taxi no que viaxaba e de que outros doce taxistas fixeran o mesmo, pois segundo a superstición chinesa, derramar sangue nun coche dá un ano de mala sorte, informou o xornal China Daily.
Os feitos aconteceron en Chonqing, no suroeste da China, cando Wang Taohua se dirixía ao hospital despois de romper augas. A pesar de que o seu home, Huan Wencheng, tentou conseguir outro taxi, mesmo pagando de máis, ningún dos choferes aceptou levala ata o seu destino. No medio da atafegante calor, varios viandantes montaron un paritorio improvisado, e unha anciá fixo de matrona. Aínda que o hospital se atopaba a 200 metros de distancia, a ambulancia tardou dúas horas en chegar.
Un home mata o seu irmán confundíndoo cunha cabra.
O estraño suceso ocorreu en Isseluku, ao sur de Nixeria. Un home, cuxa identidade non se facilitou, sospeitoso de ter asasinado o seu irmán cunha machada, asegurou que el en realidade atacara unha cabra, que despois se converteu no cadáver do seu parente.
En Nixeria ás veces os sospeitosos de asasinato aseguran que foron os espíritos os que os induciron a cometer os crimes, nun país onde moita xente cre na maxia negra. No ano 2001, oito persoas foron queimadas vivas despois de que un membro do grupo fora acusado de facer desaparecer por arte de maxia o pene dun espectador.
Non cambiamos de tema. Un home pide que lle retiren o pene que lle transplantaran.
Un chinés de 44 anos que fora receptor do primeiro transplante de pene pediu que llo volvesen retirar un mes despois da operación, porque tanto el como a súa muller se enfrontaran a un profundo problema psicolóxico co novo órgano.
O membro do home fora destruído nun accidente, que o deixara cun toco de só un centímetro, o que lle impedía urinar e manter relacións sexuais, segundo informou o xornal británico The Guardian.
Médicos do hospital xeral de Guangzhou pasaran 15 horas conectando un pene de 10 centímetros doado por un mozo de 22 anos ao home que sufrira o accidente. A pesar de que a operación foi un éxito e non houbo rexeitamento físico do órgano, os problemas psicolóxicos sufridos polo receptor e a súa muller, obrigaron a amputarlle de novo o pene.
Unha muller italiana ofrece sexo a cambio dun traballo fixo
Conseguir un emprego é cada vez máis difícil. Unha muller italiana de 30 anos, Sara Ferreti, abriu un blog na internet no que se ofrece para unha noite de sexo a cambio dun contrato de traballo fixo e un soldo de 1.200 euros mensuais. Na bitácora, denominada, saradisperata, a muller asegura que a acción é o derradeiro cravo ardendo ao que se pode agarrar para se programar un futuro, uns fillos e unha casa. Segundo informou o xornal La Repubblica, Sara non busca a fama, e apunta a posibilidade de que se trate dun fraude publicitario máis dos que circulan pola rede, aínda que descarta esta posibilidade. O diario persoal non ten publicidade e emprega unha plataforma gratuíta de publicación de blogs.
Fabrican a marmelada máis cara do mundo, a 1.630 euros o frasco.
A marca británica de confeituras F. Duerr & Sons vai celebrar o seu 125 aniversario fabricando a marmelada de laranxa máis cara do mundo, segundo informou The Daily Telegraph.
Cada frasco terá un prezo de 1.100 libras, 1.630 euros, e conterá un produto de alta calidade. As laranxas, procedentes de Sevilla, estarán mesturadas con whisky Dalmore 62 da casa Whyte & Mackay que costa 47.400 euros a botella, champán Pol Roger Cuvée Sir Winston Churchil e pan de ouro de 24 quilates.
Segundo os cálculos do xornal, untar unha torrada con esa marmelada custará 113 euros.
Nun principio, a intención dos fabricantes fora facer un quilo de marmelada para poñelo a poxa na internet e conseguir fondos para unha organización benéfica de Manchester. Pero o presidente da compañía quedou tan impresionado polo seu sabor que pensou en poñela á venda.
O cantante Marc Anthony asegura que Rocío Dúrcal lle mandou unha canción dende o alén
Segundo informou a cadea MTV, Marc Anthony asegura que Rocío Dúrcal se lle apareceu en soños e lle pediu que escoitara unha canción que fixera para a súa muller, a cantante e actriz Jennifer López.
Anthony asegurou que o estraño soño se produciu dúas semanas despois do pasamento da cantante española. Segundo a súa versión, o compositor ergueuse e gravou a súa voz no contestador tarareando a canción da que Dúrcal lle dixo ata o título, «Qué hiciste».
J. Lo estivo varios meses pensando que podía facer con aquela canción ata que se decidiu a incluíla no seu último disco en español, «Cómo ama una mujer».
Os informáticos prefiren vestir vaqueiros negros e camisetas de grupos heavys como Megadeth.
Segundo un estudo levado a cabo pola empresa de hosting Internedia.net, a indumentaria favorita dos informáticos son camisetas de grupos heavy e pantalóns vaqueiros negros.
A conclusión do traballo di que os profesionais que traballan no sector das tecnoloxías da información, tanto técnicos, como programadores e encargados de dar apoio, son dúas veces máis propensos a empregar camisetas de grupos de heavy metal ca os empregados noutras áreas do mercado.
Ademais, os vaqueiros negros son unha parte indispensable da súa vestimenta, e, por se fora pouco, teñen un 32% menos de posibilidades de se cambiaren de roupa todos os días.
Outros elementos identificadores desta profesión son o cabelo longo recollido, linternas Maglite, navallas Leatherman, reloxos caros e pinzas nos cintos para levar o móbil.
O grupo que aparece con máis frecuencia nas camisolas é o que están a escoitar, Megadeth.
O príncipe William de Inglaterra foi a unha festa vestido de moza Bond en bikini
William, o máis vello dos fillos de Carlos de Inglaterra, causou sensación nunha festa de disfraces cando apareceu caracterizado como moza Bond, vestido cun bikini. Á festa, que se celebrou en Sandhurst, tamén asistiu a súa moza, Kate Middleton, disfrazada do axente 007, con smóking e unha pistola de xoguete.
Algúns asistentes á festa declararon ao xornal popular The Sun que a parella estivo moi simpática e o príncipe pasou toda a noite cos xestos típicos dunha moza Bond mentres Kate lle daba a réplica ao estilo 007.
A William fáltanlle dous meses para se licenciar na academia militar, na que está a seguir un adestramento moi duro.
O seu irmán Harry creou moita polémica nos últimos meses no Reino Unido por se ter disfrazado de nazi e ter levado unha camiseta do Che Guevara.
Comments
comentarios desactivados para este artigo