Unha anciá tenta roubar un banco cunha pistola de plástico
Unha muller de 79 anos foi detida por tentar roubar un banco en Chicago cunha pistola de plástico. A señora dirixiuse o martes a unha sucursal do Bank of America vestindo un impermeable negro e unha viseira que poñía «princesa».
Dentro da oficina, a muller pediulle ao caixeiro que se achegase a ela porque non podía falar moi alto, que viña do dentista. E logo murmurou: «déame 30.000 dólares», amosándolle un revólver que levaba nunha bolsa de plástico.
Pero o caixeiro decatouse de que era unha arma de xoguete, polo que premeu o botón de alarma silenciosa.
A anciá, que marchara do banco a pé e sen os cartos, non se resistiu cando foi detida nunha tenda próxima. Despois quedou en liberdade baixo fianza de 4.500 dólares. A súa filla fíxose cargo dela.
Se se recoñece culpable, a muller pódese enfrontar a unha pena de ata 20 anos de cadea.
Unha muller pasou 26 anos pechada na casa por medo a enfermar
Unha muller italiana pechouse na súa casa cando tiña 30 anos. Agora ten 56. Vive na localidade adriática de Macerata, 200 quilómetros ao sur de Roma. Paradoxalmente, atopárona nun moi mal estado de saúde: pesaba só 30 quilos e tiña unha melena de máis de dous metros de longo.
A muller, que se chama Carmela, estivo a metade da súa vida coas xanelas precintadas, sen ningún contacto co exterior. Só se comunicaba por teléfono, pois non se quería contaxiar polo aire, nin darlle a man a ninguén. Segundo explica o xornal La Repubblica, Carmela pasaba o tempo escoitando a radio e vendo a televisión. Un irmán deixáballe na porta da casa alimentos esterilizados que lle permitían sobrevivir.
Pero a súa vida de reclusión rematou debido a que lle pasou o que non tentara evitar: enfermou. Cando os carabineiros, os bombeiros e os médicos entraron na casa, tiveron que poñer máscaras debido a que o aire alí dentro era irrespirable. As autoridades xudiciais ordenaron o ingreso da muller nun hospital.
A modelo británica Kate Moss sae á rúa cun bolso que costa 4,50 euros
A supermodelo británica cambiou por un día os complementos de luxo por un bolso moito máis económico, de só 4,50 euros. Por se isto fora pouco, Kate Moss esquecera retirar a etiqueta co prezo cando saíu á rúa.
A modelo adoita levar bolsos valorados en 600 euros, de deseñadores como Mark Jacobs, pero esta vez foi retratada cun bastante máis económico á saída dunha festa que daba unha tenda de lencería en Londres.
Moss, de 32 anos, levaba uns pantalóns e camisa negros, combinados cun bolso de tea co fondo branco e motivos florais arredor dun rostro feminino, da popular cadea de produtos de beleza e saúde Superdrug.
A tenda xa se está a preparar para recibir unha avalancha de pedidos de xente que quere imitar á idolatrada modelo.
Pero todo parece ter unha explicación: ao mercar este produto, Kate Moss, que gaña millóns en campañas publicitarias, contribuíu a unha causa solidaria na que participa a cadea Superdrug: recadar fondos co motivo do trixésimo aniversario do Prince’s Trust, organización benéfica creada por Carlos de Inglaterra para apoiar a novos artistas.
O exército dos Estados Unidos pensa crear un parque temático como Disneylandia
O exército norteamericano está a estudar a posibilidade de crear un parque temático dedicado ás actividades militares. Unha promotora privada propúxolle crear unhas instalacións que incluirían viaxes nun helicóptero de ataque Cobra e bares nos que habería un pavillón da primeira división.
Un masivo complexo hoteleiro e de ocio próximo ao museo nacional do exército podería atraer a máis dun millón de turistas ao ano, pero as autoridades do condado de Fairfax, onde estaría situado, rexeitan o aumento do tráfico que isto supoñería.
A empresa Universal City Property Management III, de Orlando, Florida, foi a autora da idea, que xa enviou o ano pasado. A promoción inclúe lemas como «podes comandar o máis moderno tanque M-1, sentir a adrenalina dun salto en paracaídas, pilotar un helicóptero de ataque Cobra ou defender o teu bombardeiro B-17 como artilleiro dorsal», informou o Washington Post.
Aínda que o condado de Fairfax non ten autoridade sobre as instalacións, propiedade federal, o seu supervisor, Dana Kauffman, explicou que non teñen ningún interese en transformar o museo nun Disney en pé de guerra.
A iniciativa coincide co espírito reclutador do exército estadounidense, que xa lanzou hai un ano o videoxogo America’s Army, co que tenta atraer a mocidade ao servizo militar. Os institutos do país son visitados regularmente por reclutadores, que informan e mesmo perseguen aos posibles candidatos.
Imaxes pornográficas cóanse na apertura de curso da Academia de Policía Local de Madrid
Unha escena de sexo foi o primeiro que puideron ver os 120 aspirantes a sarxento, en lugar dun vídeo sobre actividades da academia.
Ás dez da mañá, o auditorio quedou a escuras e ensilencio, mentres baixaba do escenario unha gran pantalla. Primeiro apareceron os escudos oficiais e, inmediatamente, as imaxes porno. As gargalladas do público foron aumentando a medida que a persoa que manexaba o ordenador tentaba paralas. Cada vez xurdían máis fiestras con páxinas pornográficas. Pero, ao final, a situación corrixiuse e púidose proxectar o vídeo correcto.
Estase a investigar como puideron chegar esas imaxes ao ordenador, pero non se puido saber se se debeu a un fallo técnico ou a unha acción premeditada de alguén, dado que o aparello non está adscrito a ningún funcionario.
As fontes oficiais quixeron deixar claro que esas imaxes non formaban parte do vídeo oficial de actividades da academia.
Unha ministra británica recomenda non cear de pé porque engorda
Tony Blair, primeiro ministro do Reino Unido, nomeou a Caroline Flint como a primeira ministra do fitness da historia, e que xa está a estudar medidas para fomentar os bos hábitos alimenticios.
Segundo as estatísticas, no ano 2010 haberá na Gran Bretaña 12 millóns de obesos. Un dos datos máis alarmantes é que no 60% dos fogares non hai unha mesa para xantar e cear en familia, o que leva a que moitas persoas inxiran calorías de xeito desmedido.
A situación é máis grave aínda en Escocia, onde o sal, o azucre e o alcohol teñen unha presenza excesiva na dieta diaria. Ademais, o plato nacional escocés parece ser unhas barriñas de chocolate fritidas con manteiga. Os adolescentes de Escocia son os que beben máis refrescos con azucre do mundo, despois dos israelís, e hai barrios de Glasgow onde as expectativas de vida se sitúan en niveis do terceiro mundo.
Inauguran na Arxentina un cemiterio especialmente ideado para seareiros do Boca Juniors
Os fanáticos do club arxentino poderán levar as cores azul e dourada ata o alén. O camposanto para os seareiros do Boca Juniors está situado nun sector do cemiterio Parque Iraola, en Berazategui, ten capacidade para 3.000 parcelas e está adornado con flores nas que predominan as cores do club: o azul e o amarelo, ademais dun grande escudo do equipo.
Segundo o dirixente Orlando Salvestrini, este é un xeito de canalizar a necesidade dos afeccionados. Deste xeito, cumpren co himno das bancadas no que cantan «nin a morte nos vai separar, dende o ceo voute alentar». Mesmo, algunhas zonas do cemiterio terán céspede procedente da Bombonera.
Esta é outra máis das moitas iniciativas postas en marcha polo Boca, como unha cadea de televisión, tarxetas de crédito, unha empresa de taxis ou diversos produtos de márketing.
Pelexan en Londres o ex-futbolista Paul Gascoigne e o cantante Liam Gallagher, de Oasis
Segundo contou o xornal sensacionalista británico Daily Star, Gallagher e Gascoigne coincidiron hai uns días no exclusivo club Groucho, de Londres. Alí comezaron a falar amigablemente, pois os dous son coñecidos.
Sen que se saiba exactamente por que, segundo unha testemuña, os dous comezaron a discutir, os ánimos acendéronse e acabaron pelexando. Segundo outra persoa supostamente presente no lugar dos feitos, houbo puñadas, e, ao final da liorta, Liam Gallagher tentou calmar a Gazza zurrichándoo co extintor de incendios. Segundo esta testemuña, os feitos acabaron resultando divertidos.
Comments
comentarios desactivados para este artigo