Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

5 de agosto 11 August 2007, 20:04

Deteñen un mozo bébedo nunha autoestrada… montado nunha bicicleta
A policía alemá detivo este luns á tarde un mozo de 19 anos que circulaba completamente borracho por unha autoestrada do sur do país, pero non ía en coche, senón en bicicleta. O infractor, que ía sen luces pola A3 preto de Nürnberg, foi visto polo condutor dun vehículo pesado. O ciclista, que levaba máis de dous gramos de alcol por litro de sangue, parecía completamente perdido, segundo dixo o martes a policía, polo que o levaron a unha cela de desintoxicación e será acusado de conducir en estado de ebriedade.

Denuncian un costarricense que devora animais vivos
A Sociedade Mundial para a Protección Animal interpuxo o venres pasado unha denuncia perante o Ministerio Público nunha localidade do Pacífico de Costa Rica contra un home que se alimenta de animais vivos. Douglas Barahona come cans, gatos ou pombas, que devora en vivo, segundo unha reportaxe e fotografías que publicou o 20 de xullo o xornal local Extra.
«Eu érgome e o que almorzo é calquera cousa que ande por aí, unha pomba, un polo, un paxaro, o que sexa. Cólloos, arríncolles a cabeza, bebo o sangue e logo cómoos», asegurou Barahona ao periódico. A sociedade protectora tomou accións legais por considerar que a conduta do costarricense é inaceptable e polo respecto que merecen os animais. A denuncia baséase en artigos do Código Penal do país que condenan a crueldade contra os animais ou a bestialidade, aínda que só se consideran faltas e castíganse con multas.

Un tricampión mundial da Fórmula 1 perde o carnet por puntos
O brasileiro Nelson Piquet, tricampión mundial da Fórmula 1, perdeu a súa licenza de conducir despois de superar o máximo de puntos permitidos por infraccións, e ten que asistir dende este luns coa súa muller a clases de condución e normas de tráfico en Brasilia. Piquet, que entre outros vehículos ten un BMW convertible e automóbiles adaptados con motor Porsche, ten o carnet suspendido dende hai tres meses despois de acadar os 29 puntos, nove máis do límite no Brasil. Agora está obrigado a ir oito días a clases no departamento de tráfico municipal. Piquet, de 54 anos e campión en 1981, 1983 e 1987, ten que ir ás clases coa súa muller, Viviane, que tamén perdeu a licenza por infraccións como exceso de velocidade, mal aparcamento e non lles facer caso aos sinais.

Abre na China un restaurante feminino, que non lles serve comida aos homes
Na cidade de Changchun, ao nordeste da China, abriu un restaurante en que só as mulleres poden comer, e que se volveu moi popular entre as traballadoras da contorna, segundo informou a axencia China News. O establecemento, que se chama Nushi Canting (restaurante para mulleres), pode recibir visitas de homes que sintan curiosidade, pero aos que non se lles vai servir ningún prato. O dono é un home, Cai ChunChang, e asegura que, nos poucos días que leva aberto o establecemento, xa ten moitas clientes, sobre todo oficinistas de entre 25 e 35 anos. O local está decorado con detalles supostamente femininos, como cortinas rosas e violetas, bordados con bolboretas e mobles en tons pastel. A comida ten toques internacionais, pensando no gusto das mulleres de Changchun polo europeo, e ofrece dende pasta italiana ata sushi xaponés, acompañados por viño tinto e café, non moi habituais na China. Unha clienta, a señora Bai, explicou que lle gustaba o novo restaurante porque «aquí non hai ruído nin cheira a tabaco, é tranquilo e elegante».

Confunden uns ourizos cachos con ladróns en Alemaña
Dous ourizos namorados alertaron unha veciña que creu, polos ruídos, que se estaba a producir un roubo. Isto provocou a intervención dunha patrulla da policía na pequena cidade de Rühen, ao norte de Alemaña, o sábado á noite. A muller chamou asustada ao número de emerxencias para dicir que oíra «ruídos de serra» na casa dos veciños, explicou o luns seguinte un voceiro da policía local. Pero a patrulla, que chegou axiña ao lugar, comprobou que o suposto ladrón era en realidade unha parella de ourizos cachos tratando de aparearse. A pesar da chegada das forzas da orde os dous animais seguiron copulando no céspede.

E rematamos cun invento moi útil para o verán galego: un paraugas que predice a chuvia
Unha compañía estadounidense desenvolveu un paraugas que fai algo máis que tapar da chuvia: di cando vai chover. A empresa Ambient Devices, especializada na integración da internet en produtos da vida diaria, inventou un paraugas cun receptor de radio incorporado no seu mango que recibe os datos do tempo de 150 lugares dos Estados Unidos a través dunha conexión á web de Accuweather.com. Se o prognóstico é de chuvia nas seguintes 12 horas, o mango do paraugas ilumínase. Se a frecuencia é feble e intermitente significa que a chuvia será leve, mentres que se as luces son rápidas e intensas, indica que se achega unha treboada. Un voceiro da compañía, Mark Prince, dixo que o paraugas Ambient amosa a habilidade de unir a intelixencia da rede cos obxectos cotiáns. «Podes ter este paraugas a carón da porta, e cando vaias saír saberás se o vas precisar durante o día», explicoulle á axencia Reuters. O paraugas usa pilas e require a activación mediante unha liña de teléfono do usuario, e sairá á venda nos Estados Unidos esta semana por 140 dólares, uns 100 euros.

Comments

comentarios desactivados para este artigo