Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

2 de setembro 3 September 2007, 20:38

O sabre láser de Luke Skywalker viaxará á Estación Espacial internacional
A NASA anunciou que a arma orixinal do filme de Star Wars viaxará no transbordador espacial Discovery no mes de outubro, coincidindo co trixésimo aniversario do coñecido filme de ciencia-ficción. Ademais, a viaxe da peza de coleccionismo Jedi servirá para darlle algo máis de publicidade a unha misión sen demasiada importancia. O sabre foilles entregado aos funcionarios da NASA polo mesmísimo Chewbacca, o peludo ser que pilotaba o Falcón Milenario con Han Solo. A axencia espacial recibiuno xunto no aeroporto de Houston, xunto a outros personaxes da saga, como o cazarrecompensas Jango Fett, soldados das tropas imperiais e R2D2, coñecido en Hispanoamérica como Arturito. Ata a partida do Discovery, a espada estará gardada nunha vitrina do centro espacial de Houston, onde actualmente se amosan rochas marcianas traídas á terra polas misións espaciais da axencia estadounidense. Ademais do sabre láser, a misión STS-120, que así se chama, levará ao espazo o segundo módulo Harmony para a Estación Espacial.

Ofrécenlle a Enrique Iglesias ser modelo dunha campaña de condóns extra pequenos
Aínda que a maioría dos homes nunca estarían dispostos a admitilo, Enrique Iglesias confesou xa en varias ocasións que o seu membro é moi pequeno. En declaracións á revista ‘Esquire’, o mozo de Anna Kournikova non dubidou en contar que debido ao pequeno tamaño do seu pene “nunca podía atopar condóns extra pequenos”. Agora, a marca Lifestyles decidiu tratar de solucionar este problema que tamén lles afecta a millóns de homes. Ademais de ofrecerlle ao fillo de Julio Iglesias unha nova liña de preservativos do seu talle, están dispostos a pagarlle un millón de dólares para servir de modelo da promoción. Un representante de Lifestyles dixo: «Hai que ser todo un home para admitir os seus defectos e aínda así ter a Ana Kournikova nos seus brazos». Aínda non se coñece a resposta de Enrique.

Nicole Richie cumpre unha pena de 82 minutos de cadea
Nicole Richie, filla adoptiva de Lionel Richie e amiga de Paris Hilton, cumpriu esta semana unha condena de cárcere por conducir baixo os efectos das drogas. Aínda que en teoría tiña que pasar 90 horas pechada, ao final liberárona aos 82 minutos. Segundo a axudante do sheriff de Los Angeles, Maribel Rizo, a condena cumpre a sentenza e as directivas federais. Richie, de 26 anos, está embarazada do seu primeiro fillo co seu prometido, Joel Madden. A tamén afillada de Michael Jackson foi arrestada en decembro por conducir pola autoestrada en sentido contrario e drogada. Cumpriu a súa brevísima condena no mesmo centroonde Paris Hilton estivera tres semanas.

Un eslovaco sobrevive a unha caída de 1.200 metros despois de lle fallar o paracaídas
Un home eslovaco de 33 anos sobreviviu milagrosamente a unha caída de 1.200 metros a primeira vez que se botaba en paracaídas. Sufriu fracturas de pelve, varias costelas e unha forte contusión en todo o corpo, pero a súa vida non corre perigo. O suceso aconteceu preto da cidade de Lučenec e, ao parecer, o home non recorreu ao paracaídas de reposto, debido á súa inexperiencia. O descenso en espiral freou a súa caída, xusto diante da súa muller. A pesar da súa conmoción, o home lembraba o suceso mentres foi evacuado en helicóptero a un hospital de Banská Bystrica.

Uns sensores detectarán os terroristas nos aeroportos dos Estados Unidos
O proxecto Intento Hostil, do que se fai eco a revista New Scientist, é o último invento do departamento de Seguridade Interior estadounidense para detectar condutas terroristas entre os visitantes. A medio camiño entre Desafío total e Minority report, o proxecto pretende identificar e interpretar todas as expresións faciais, o xeito de moverse e de camiñar, a presión sanguínea, o pulso, a transpiración e a dilatación das pupilas. O sistema será capaz de funcionar en tempo real e estará baseado en sensores non invasivos. A axencia encargada do proxecto púxose en marcha o 9 de xullo, coa intención de que entre en fase de proba a comezos do 2010. Pero xa hai catro anos que a administración norteamericana para a Seguridade no Transporte emprega un programa de escaneo de pasaxeiros baseado nas microexpresións faciais. Axentes de detección do comportamento están despregados nos aeroportos para detectar expresións sospeitosas dos pasaxeiros. Se iso acontece, os axentes comezan unha charla co individuo, que pode derivar nun interrogatorio segundo sexa a súa reacción. O custo deste sistema fixo que o departamento decidise automatizalo para non ralentizar o tráfico aeroportuario.

Rematamos con moda, como os telexornais. Segunda semana da moda para animais domésticos en Nova York
Unha bulldog branca de pelo curto e ollos azuis lucía unha capa de raso cor rosa e bronce decorada con strass, especialmente confeccionada para asistir á Segunda Semana da Moda para mascotas que tivo lugar en Nova York coa presenza de compradores de todo o mundo. “Somos espectadores, pechamos a nosa tenda para cans en Baltimore tres días para vir”, explicou Thomas Berger o domingo, mentres aplaudía o paso pola pasarela dun modelo vestido só cun slip que levaba da correa un galgo cor mel con traxe de camuflaxe. Ao ritmo de música disco, o desfile dura unha hora: os cans presentan os modelos de vinte casas de moda para animais. Un gato negro cun colar dourado aparece ao final, levado por unha pequena de rizos louros vestida cun tutú de tul dourado. Os desfiles desenvolvéronse no quinto peso dun centro de exposicións de Manhattan, mentres que o primeiro e o cuarto piso estiveron dedicados aos expositores, con bolsos para levar mascotas, vitaminas, correas, mobles e revistas.
“Lola acaba de quedar durmida, estaba tan estresada polo desfile…”, dasegurou Stacy Braverman, propietaria dunha tenda en liña para animais domésticos, Bitch-on-line. “Especializámonos en obxectos únicos, como unha liña de produtos de beleza. Lola está perfumada hoxe con suflé de azucre rosa. Teño catro chihuahuas: Lola, Havana, Winston e Beckham, como o futbolista”. Ao seu lado, outra espectadora, cun Lulú de Pomerania vestido cun kilt escocés, exclamou: “Oh, tes a Beckham? O meu lulú chámase Jagger, coma Mick!”.
Segundo a Asociación de fabricantes de produtos para mascotas, o 63% dos fogares estadounidenses ten un animal doméstico. Hai 88 millóns de gatos, 74 de cans, 142 de peixes e 13 de réptiles. No ano 2007 gastaron 40.000 millóns de dólares, fronte aos 28.500 de seis anos antes. 16.000 millóns foron para alimentación, 10.000 para veterinarios, 10.000 para medicamentos e 3.900 en xoguetes, vestimenta e paseadores de cans.

Comments

comentarios desactivados para este artigo