Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

12 de agosto 12 August 2007, 14:00

Hoxe imos falar bastante de televisión. Comezamos coa detención de tres brancos, que tentaban comprar un televisor co DNI dunha persoa negra.
A Garda Civil detivo en Madrid tres mozos que tentaban financiar un televisor co carné de identidade dun home negro, aínda que co mesmo documento xa abriran unha conta nun banco. JALM, de 19 anos; AGM, de 25, e RDP, de 22, foron detidos o mércores nun centro comercial de Rivas-Vaciamadrid despois de que a Garda Civil recibise un aviso dos donos do establecemento. JALM quería financiar un televisor de 40 polgadas e valorado en 1.300 euros coa documentación dunha persoa de raza negra. Os dous cómplices agardaban á saída. Nun primeiro momento o primeiro individuo tentou convencer os axentes de que estaba só, pero as evidencias fixérono admitir o plan que tiñan tramado. Resulta sorprendente que se lles permitise abrir unha conta corrente co documento intervido sen ter levantado sospeitas, debido ás notables diferenzas entre a persoa da foto e calquera dos tres detidos, acusados dun delito de estafa.

Un presentador inglés vomita durante un programa en directo
Kenny Toal, locutor de informativos da cadea privada Tyne Tees de Newcastle upon Tyne, ao nordeste de Inglaterra, non puido aguantar e vomitou en directo, durante a emisión do programa local North East Tonight. Segundo informou o xornal The Sun, o presentador colleu unha papeleira para vomitar e non manchar o chan. Fíxoo na metade do programa, perante a mirada abraiada do equipo. Porén, a súa compañeira, Pam Royle, seguiu co informativo. Parece ser que a culpa do incidente non a tiveron as desagradables imaxes do informativo, senón unha torta de queixo que lle fixera a nai do presentador e que comera pouco antes de comezar o programa.

E un par de miles de quilómetros ao sur, en Marbella, unha vidente pediu auxilio en directo ao se incendiar a cadea de televisión local en que traballaba.
O lume, que prendeu de madrugada e por causas que aínda se descoñecen, colleuna no seu lugar de traballo, facendo ese labor de servizo público que é botarlle as cartas en directo a un telespectador. Toñi, a vidente da cadea local de televisión privada M-95, de Marbella, alertada por outra traballadora que lle pasaba as chamadas dende o exterior, pediulle auxilio á audiencia das dúas da mañá do xoves: «Por favor, axúdennos. Chamen aos bombeiros, porque M-95 estase a queimar». Nuns minutos chegaron efectivos da policía local e dos bombeiros aos estudios da emisora, situada xusto en fronte da xefatura. O lume quedou extinguido nunha hora. Ao final só houbo que lamentar danos materiais. O lume comezou no despacho do director, José Pernía.

Inventan uns videoxogos que se instalan nos urinarios
Trátase dun xogo de carreiras de automóbiles, e xa poden supoñer como se controla, pois só se instala en baños masculinos. Para mover o vehículo á dereita ou á esquerda hai que apuntar o chorro cara a uns sensores. O invento, que fai máis divertida a actividade da micción, non ten extras como cambio de marcha, turbo, pero de seguro vai revolucionar os aseos de moitos establecementos. O único problema serán as colas que se poden formar co aumento da demanda.

E non deixamos os coches, aínda que agora reais. Detiveron un ladrón durmido dentro do vehículo que ía roubar.
Foi en Noruega. O xoves á mañá a policía detivo un ladrón que quedou durmido dentro do coche que quería roubar, quizais esgotado por ter que traballar de noite. O detido, de 42 anos de idade, apareceu dentro dun vehículo na cidade de Haugesund, ao suroeste do país, rodeado de obxectos que supostamente roubara antes, segundo a policía. En declaracións a Radio Haugaland, Torgeir Stoedle xefe da policía local, explicou: «parece que quedou durmido cando tentaa roubar o coche». O home xa estaba fichado e non opuxo resistencia.

E outra policía, a mexicana, cambiará os chifres por guitarras e trompetas
Non serán todos os axentes. Policías de tráfico mexicanos montarán unha banda de mariachi durante unha xira cultural que farán polo Magreb, é dicir, o norte de África, informou o xoves a secretaría de Seguridade Pública mexicana. O mariachi ‘Nueva guardia nacional’ representará o país nunha xira que se desenvolve con motivo do día da Independencia de México. O grupo está composto por 15 elementos da corporación que ademais de música realizan labores de vixilancia na vía pública, explica o comunicado. No servizo de Seguridade Pública, ademais de mariachis hai unha ducia de grupos de diferentes xéneros musicais. A xira por Alxeria, Tunicia, Libia e Mauritania, durará do 14 de agosto ao 11 de setembro.

Comments

comentarios desactivados para este artigo