Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

29 de xullo 31 July 2007, 00:13

Un gato anuncia a morte dos anciáns dun xeriátrico
Óscar é un gato que vive no xeriátrico do estado unido de Rhode Island e que anuncia a morte dos seus inquilinos. O animal visita os anciáns poucas horas antes do seu pasamento. Segundo revelou outro Óscar, o xeriatra Óscar Sosa na revista The New England Journal of Medicine, o gato xa visitou 25 residentes da clínica. O felino, de dous anos, parece non cometer moitos erros e semella comprender que os pacientes están a pouco de morrer. A doutora Joan Teno dubida de que Óscar teña facultades paranormais, pero recoñece que sempre aparece nas dúas últimas horas da vida dos residentes. «Pode que haxa unha explicación química», explica Teno. O gato, de cor gris e branca, vive principalmente no terceiro piso, onde residen os pacientes con demencia.

E de xeriátrico en xeriátrico. Unha muller pode ser expulsada dun asilo por malfalada.
Unha anciá corre o risco de que a expulsen dunha residencia para pensionistas en Halifax, na costa atlántica canadense, debido á súa linguaxe soez e á súa propensión ao lercheo, segundo informaron o martes medios de comunicación locais. Mary Vaughan, de 73 anos, explicou no xornal The Globe and Mail que non sempre empregou esas expresións, pero que aprendera a facelo hai moito tempo cando vivira no territorio do Yukón, ao norte do país, onde, segundo ela, é costume insultar e dicir tacos. «Sentaba diante dun espello e practicaba ata que podía dicilo sen ter vergoña», afirmou. Grazas a ese adestramento, púidolle dicir a un membro do persoal do asilo «Brian, fuck off», que se pode traducir como esta canción de Amparanoia. A dirección do centro tamén a acusa de lerchear demasiado na sala común do asilo, e outros residentes e familiares tamén se queixaron das súas expresións. Enferma de cancro, a muller ten ata finais de agosto para abandonar a residencia.

Xa falamos varias veces dos cambios que se están a producir en Beixín de cara aos xogos olímpicos. Agora bicarse poderase considerar delito.
As parellas que se biquen diante dunha cámara de vixilancia durante os Xogos Olímpicos da capital chinesa, o ano que vén, poderase ver sorprendida pola Policía, pois a actividade poderase considerar ‘secuestro’ ou ‘roubo’ por parte dos ordenadores que controlan as cámaras. Segundo informou a axencia oficial Xinhua, os dispositivos están programados para detectar violacións do espazo privado e informar o centro de mando. Os efectivos de garda decidirán que medidas tomar segundo o sinal enviado pola cámara. As zonas vixiadas estarán identificadas cun sinal bilingüe que representa un ‘ollo negro’. Os avisos lembraranlle ao público que se debe comportar ben nos lugares públicos e que protexa a súa intimidade. Segundo unha enquisa recente, aos chineses parécelles de peor gusto bicarse en público ca cuspir, costume este último que máis lles molesta aos turistas.

E bicar tamén pode ter consecuencias xudiciais en Francia, sobre todo se se fai nun cadro valorado en dous millóns de euros.
A muller, de 30 anos, foi encausada por marcar cun bico unha tea do pintor estadounidense Cy Twombly exposta na colección Lambert de Aviñón. O lenzo, sen título, de tres por dous metros era completamente branco. Agora ten uns beizos marcados nel. O xoves, a moza, que vive en Martigues, nas bocas do Ródano, visitou cun amigo a exposición, aberta ata o 30 de setembro, pola gran admiración que lle ten ao pintor. Durante a visita, emocionada polas obras de arte, achegouse ao cadro e bicouno. «Atopei o cadro aínda máis fermoso», confesou a muller, tamén pintora. «O artista deixou este branco para min». O persoal da galería chamou a Policía, que detivo a muller cando se dispoñia a marchar. O vindeiro 16 de agosto será xulgada por degradación dunha obra de arte.

Lesmas españolas invaden Suecia
As lesmas españolas convertéronse nunha praga no país escandinavo, onde atacan pola noite, favorecidas pola humidade, e causan enormes estragos. Este verán, inusualmente chuvioso en Suecia, como en Galicia, levou ata o norte os gasterópodos ibéricos, tamén coñecidos como «lesmas asasinas», pois devoran literalmente os xardíns. Ted von Proschwitz, especialista do museo de Historia Natural de Gotemburgo, declarou á axencia AFP: «Nunca vin tal cantidade de limachas, e problema séguese a estender». Habitualmente, estes animais morren durante os meses secos, pero como choveu dende maio, multiplicáronse. O gasterópodo foi bautizado como «lesma española» porque chegou a Suecia en 1975 entre plantas procedentes de España. O becho, de cor escura e duns dez centímetros de tamaño, estendeuse polo sur do país e mesmo chegou a Estocolmo. Unha muller de Hjärnap, Anne Sjöberg contou 36.674 lesmas no seu xardín dende maio, segundo o xornal Helsingborgs Dagblad. As limachas son hermafroditas e poden poñer 400 ovos dunha vez.

E rematamos a viaxe desta semana ao oeste de Suecia, en Noruega. A princesa Marta Luísa di que ten poderes psíquicos e que fala cos anxos.
A filla dos reis Harald e Sonia de Noruega, de 35 anos, fixo o anuncio nunha páxina web onde anuncia que vai poñer en marcha un novo centro de terapias alternativas. Asegura que cando era nena decatouse de que podía ler os sentimentos interiores da xente, mentres que as súas experiencias cos cabalos permitíronlle contactar cos anxos. A princesa Marta Luísa, cuarta na línea sucesoria ao trono noruegués, aprendeu terapias psíquicas e anuncia que o seu centro de educación Astarté permitiralles aos alumnos aprender a crear milagres nas súas vidas e fortalecer os poderes dos seus anxos, que ela describe como «as forzas que nos rodean e que nos serven de axuda en todos os aspectos das nosas vidas». Tamén dixo: «Foi cando coidaba dos cabalos cando entrei en contacto cos anxos. Ultimamente comprendín o valor deste importante don que quero compartir coa xente, quizais contigo». Un programa de tres anos no seu centro custa 24.000 coroas norueguesas, 4.150 dólares, 3.000 euros ou 2.000 libras esterlinas, anuais.

Comments

comentarios desactivados para este artigo