Go to content Go to navigation Go to search
Incrible, mais certo

1 de xullo 29 July 2007, 21:14

Unha avoa, con problemas coa Lei por ter inscrito o seu can para votar
Jane Balogh dixo que o fixera para protestar contra a lei de rexistro de electores de 2005, que segundo ela facilítalles o voto aos estranxeiros. Balogh rexistrou o seu teléfono ao nome do can, Duncan, e despois usouno como identificación para inscribilo como elector. Dixo, ademais, que xa votara en setembro e novembro de 2006 e en maio de 2007, aínda que empregando a palabra «Nulo». Os problemas comezaron cando Duncan votou por terceira vez. Un fiscal púxose en contacto con Jane, que se defendeu dicindo que non pretendía facer nada fraudulento, senón demostrar os fallos do sistema electoral. A fiscalía ofreceulle un trato á avoa e veterana das forzas armadas: que se declare culpable dun delito menor por falsidade perante un funcionario público, condenado con 10 horas de traballo comunitario, unha multa de 250 dólares e a promesa de non delinquir nun ano.

Unha rapaza denuncia o seu colexio por prohibirlle levar un anel de castidade
Unha adolescente inglesa á que lle prohibiron usar un anel que simboliza o seu compromiso de castidade ata o matrimonio levou o seu caso ao Tribunal Supremo británico, pois asegura que o colexio violou o seu dereito á liberdade relixiosa. Lydia Playfoot, de 16 anos e estudante do colexio Millais de Horsham, ao sur de Londres, usa un anel de prata inspirado na campaña Silver Ring Thing, lanzada nos Estados Unidos en 1996 e que fora subvencionada polo goberno Bush para promover a abstinencia sexual. O colexio prohibe as xoias, agás pendentes, como parte da súa política de vestiario, aínda que fai excepcións para vestimentas relacionadas coas crenzas relixiosas. Este non era o caso, segundo a dirección.

Un condutor espido tenta atropelar policías en Louisiana
Bryan Batulis, de 25 anos, foi arrestado en Baton Rouge por tres delitos de intento de asasinato dun policía en primeiro grao, imprudencia ao conducir, intento agravado de escapar dun axente, resistencia ao arresto e conducir drogado. O individuo chocou coa súa camioneta contra un policía estatal nunha parada de tráfico e tentou atropelar dous máis antes de que un axente lle disparara nunha roda para rematar coa persecución. Todo comezou cando a policía desviaba a circulación por un accidente automobilístico o pasado luns, a uns 24 quilómetros ao sueste de Baton Rouge, pero o condutor non parou. Batulis e o policía ferido foron trasladados ao hospital e despois dados de alta. O condutor, do que a policía aínda non se explica por que non levaba roupa, segue arrestado porque non ten avogado.

Erros médicos: unha muller vive dous anos cun par de pinzas de 15 centímetros no seu abdome
Unha muller de Orissa, no nordeste da India, acudiu a un hospital estatal afectada por fortes dores de ventre. Alí descubriu que levaba dous anos cunhas pinzas de quince centímetros no seu interior. Kanchana Bhoi, de 35 años, operárase en 2005 de pedras no ril e todo apunta a que o equipo médico esqueceu as pinzas dentro dela, informou a axencia IANS. Despois daquela intervención, a muller seguiuse a queixar de dores, ata que a semana pasada foi ao hospital público á procura de tratamento. Despois dunha radiografía, detectáronlle o par de pinzas no interior do seu abdome. A paciente pensa abrir un caso criminal conta o médico responsable do esquecemento.

Descualifícano despois de gañar unha carreira de tacóns por ser home
Foi en Polonia, ese país que ultimamente non se caracteriza pola súa tolerancia. Un home disfrazado de muller foi descualificado o domingo pasado despois de ter gañado unha carreira con tacóns de agulla reservada ás mulleres, informou o xornal Zycie Warszawy. A falsa Agnieszka inscribírase presentando o carné de identidade da súa irmá. Os responsables da carreira, que organiza cada ano a revista Glamour en Varsovia, non viron necesario facer máis comprobacións para se asegurar do sexo do participante. As regras do concurso especificaban que había que ser unha muller, ter máis de 18 anos e levar tacóns de polo menos sete centímetros para percorrer 150 metros no menor tempo posible. Ao descubrir a verdadeira identidade de Agnieszka, non se especifica como, os organizadores decidiron descualificar o mozo, que gañara 10.000 zlotys (2.600 euros) nun vale de compra en tendas de roupa feminina. O home dixo que só participara para gastar unha broma.

Os gandeiros holandeses deberanlles facilitar xogos aos porcos
Unha orde do Ministerio de Agricultura dos Países Baixos obriga a partir de hoxe a que os gandeiros lles proporcionen xogos de distracción aos porcos para evitar agresións entre os animais e mellorar a súa calidade de vida no cortello. Os responsables das explotacións teñen, iso si, liberdade para escoller os entretementos que crean máis axeitados. Algúns deseñadores neerlandeses xa idearon varias opcións, como aros comestibles de cores para pendurar e que os porcos poidan acudir de cando en vez a eles como se fosen caramelos. O ministerio argumenta que o cocho é un animal intelixente e curioso, e que precisa entretemento para evitar actitudes como as mordeduras nos rabos doutros membros da súa especie. As granxas holandesas xa recibiron folletos informativos sobre o tema.

24 de xuño 24 June 2007, 19:13

Unha web benéfica ofrece operacións de aumento de peito

Para moitas, un soño feito realidade. Unha web británica, mybreast.org, organiza e financia operacións de cirurxía estética gratuítas para persoas que non as poden pagar cos seus ingresos. É o caso de Lucy Wingate, de 26 anos e con dous fillos, que contou a súa experiencia na BBC: “O meu corpo é agora máis feminino e teño curvas por todas partes”. Agora Lucy asegura ser feliz despois da operación, porque xa pode vestir camisetas axustadas sen usar recheo. A web naceu en xaneiro para facer realidade operacións máis asequibles para evitar que as mulleres que non as poden pagar se sometan a opcións menos fiables.

As condenas máis absurdas dos tribunais estadounidenses
A semana pasada lembrabamos o caso duns pais que terán que pasar máis de dous anos no caldeiro por teren mercado cervexa para o aniversario do seu fillo. Pero hai máis. No país hai unha especie de competición por quen impón as condenas máis duras para os actos que van contra os bos costumes. No estado de Georgia, ao sur do país, Genarlow Wilson, de 21 anos, cumpre unha pena de dez anos de cadea por agresión sexual infantil porque, cando tiña 17, aceptou que unha compañeira de instituto de 15 lle fixese unha felación durante unha festa. Aínda que un xuíz ordenoui a liberación o pasado día 11, o fiscal apelou, pois dez anos son a pena mínima neses casos. A excepción denominada de ‘Romeo e Xulieta’ permite as relacións consentidas entre adolescentes, pero non o sexo oral. En Florida, Richard Paey, que se atopa en cadeira de rodas despois dun accidente de tráfico, está condenado a 25 anos de prisión dende 2004 por narcotráfico: falsificou as ordes médicas para mercar os calmantes que lle receitara o médico. Agora, na cadea, recibe doses de morfina maiores ca polas que foi condenado.
En novembro de 1995, en California, Leandro Andrade roubou videocasetes para os seus fillos, ‘Branca de Neve’, ‘Cincenta’ e ‘Liberade a Willy’, por un valor total de 150 dólares. Como xa fora condenado por varios roubos en 1983, caéronlle 50 anos.
Segundo os datos do Departamento de Xustiza dos EUA, un de cada 136 habitantes estaba detido a finais do 2005.

As cascudas poden aprender, como os cans e as persoas
Un artigo do último número da publicación en liña Public Library of Science tentaba aprender máis cousas sobre o cerebro humano investigando o máis sinxelo sistema nervioso das cascudas. Makoto Mizunami, da Facultade de Ciencias da Vida da Universidade de Tohoku, explicou que hai moitas características comúns entre os dous cerebros. No experimento, os científicos expuxeron un grupo de cascudas a un olor cando lles daban de comer azucre. Descubriron que, logo, cando expoñían os coleópteros só ao olor, seguían producindo saliva. Outro grupo de cascudas foi alimentado co mesmo azucre perso sen o olor, polo que a exposición a ese aroma non lles provocou cambios na produción de saliva. Segundo Mizunami, isto demostra que os insectos poden lembrar e aprender. O experimento lembra o do investigador ruso Ivan Petrovich Pavlov, autor do estudo do condicionamento clásico, pero con cans.

Atopan un arpón do século XIX nunha balea cazada o mes pasado
O fragmento dun arpón explosivo de finais do século XIX foi descuberto no lombo dunha balea cazada o mes pasado por uns esquimós, que teñen permiso para esta actividade, tradicional para eles. Segundo expertos dun museo baleeiro estadounidense, o cetáceo puido ter sufrido a ferida hai uns 120 anos. O fragmento cónico de explosivo, duns nove centímetros de longo, estaba na omoplata dunha balea boreal, explicou John Bockstoce, do museo de New Bedford. O dispositivo fora patentado en 1879 e fabricouse ata 1885. Segundo o experto, a ferida pode datar de arredor de 1890 e, evidentemente, non danou os órganos vitais da balea. O mamífero mariño sobreviviu máis dun século co proxectil no seu corpo. Ademais, suponse que xa era adulta cando recibiu o disparo, pois debía de ter un tamaño suficiente como para merecer ser cazada.

Anunciarámolo o 4 de marzo. Xa está aquí a versión de ‘Mi carro’ de El Koala
Con motivo do lanzamento das versións internacionais do portal de vídeos YouTube, o cantante de rock El Koala e Manolo Escobar estrearon un videoclip onde versionan xuntos o clásico ‘Mi carro’. Manuel Jesús Rodríguez Rodríguez, El Koala, sae co seu can anunciando a canción e dedicándollela aos seus amigos de YouTube España en exclusiva. O videoclip está gravado nas rúas de Benidorm, onde se produce o tráxico roubo do carro, que en realidade é un automóbil tuneado. Aínda que a letra da canción orixinal non sufriu modificacións, si hai cambios importantes na melodía, interpretada con guitarra eléctrica e batería.

17 de xuño 17 June 2007, 14:00

Admíteno por negro e rexeitan o seu irmán xemelgo por branco
Aconteceu na Universidade de Brasília. No país sudamericano existen cotas raciais para favorecer o acceso das minorías ao ensino superior. Dous irmáns, Alan e Álex Teixeira, declaráronse ‘negros’ para se poderen beneficiar das cotas de admisión instauradas no centro dende o ano 2004. A decisión que tomou o xurado da universidade foi impugnada por Álex, o xemelgo considerado branco. O reitor, Timothy Mulholland, ao final permitiu que se unise á lista de admitidos. Mulholland defendeu o sistema de cotas, a pesar das críticas, mais recoñeceu que haberá que perfeccionar o método de selección. A Universidade de Brasília é unha das vinte e unha do país que reservan un 20% de prazas a persoas de raza negra ou mestiza.

Dous anos de cadea para un matrimonio estadounidense por serviren cervexa no 16 aniversario do seu fillo
Dous estadounidenses levan dende o luns na cadea, onde terán que pasar máis de dous anos, por lle teren servido cervexa aos convidados do seu fillo, que celebraba os seus 16 anos. O caso rexistrouse en Virxinia, onde se pode conducir aos 15 anos e medio, votar, mercar unha arma e enrolarse no Exército aos 18, pero non se pode beber alcol ata os 21. O 16 de agosto de 2002, uns trinta adolescentes de entre 12 e 18 anos asistiron ao aniversario de Ryan, na súa casa e vixiados polos seus pais, Elisa Kelly, de 42 anos, e George Robinson, de 52. Como xa temían que os rapaces bebesen ás agachadas, os pais mercaron 350 dólares de cervexa e doutras bebidas alcólicas, e contaron con que todos pasarían a noite alí, polo que lles retiraron media ducia de chaves de automóbiles para que non corresen riscos ao volante. Pero os pais foron denunciados e a Policía puxo fin á festa ás once da noite. A parella foi condenada a seis meses de cadea por cada un dos nove adolescentes aos que se lles detectou alcol. Polo tanto, tocaranlles 4 anos e 6 meses de prisión, que poderían quedar na metade por boa conduta.

Unha vila de Louisiana prohibe os pantalóns frouxos que deixan ver a roupa interior
O concello da vila de Delcambre, no estado norteamericano de Louisiana, prohibiu por lei os pantalóns largos que deixan ao aire partes substanciais da roupa interior. Segundo o alcalde, Carol Broussard, en declaracións ao xornal The Daily Advertiser, «é para que vistan axeitadamente. Cubrir as túas partes vitais. Se expós as túas partes privadas, deberás pagar unha multa. Se camiñas e os pantalóns caen, recibirás unha multa. É mellor que se quiten os pantalóns e se poñan un vestido». A lei, aprobada por unanimidade, establece unha multa duns 300 euros e ata seis meses de cadea. O alcalde nega que a medida vaia contra a poboación negra. «A xente branca tamén viste ese tipo de roupa». Os pantalóns anchos, ou ‘saggy pants’ teñen a súa orixe nas prisións dos Estados Unidos, onde os presos recibían roupa que non era do seu talle, e estaba prohibido usar cintos.

Irán castigará a pornografía coa morte
O parlamento iraniano aprobou o mércores pasado unha lei que permite castigar coa pena de morte as persoas que produzan ou protagonicen material pornográfico. A decisión parece estar motivada polo escándalo dun recente vídeo en que se vía unha coñecida actriz mantendo relacións sexuais co seu mozo. Coa nova norma, a pornografía equipárase no Irán coa traizón, a espionaxe, a sodomía, a prostitución e a apostasía, que tamén están penados coa morte. A lei refírese aos vídeos e aos medios electrónicos, pois as revistas e os libros pornográficos xa estaban prohibidos. A lei chega a consecuencia dun vídeo clandestino que circulou por Teherán durante o inverno. Nel, unha rapaza iraniana, supostamente a actriz Zahra Amir Ebrahimi, facía o amor co seu mozo. Segundo o rumor, ela aceptárao gravalo antes de saír do país como recordo para o seu namorado. Ela nega ser a protagonista e acusa o pretendente de querer afundir a súa carreira.

Detido cando comezou a soar o móbil que estaba a roubar
Axentes da Policía Local de Murcia identificaron un mozo, Antonio Ángel L. G., de 19 anos, que foi sorprendido roubando un teléfono móbil, grazas a que, xusto cando marchaba co aparello, porque se puxo a timbrar. Os feitos aconteceron esta semana, a última hora da tarde, nun concesionario de automóbiles na pedanía de Espinardo, cando unha muller que estaba a agardar oíu soar o seu móbil, pero, ao ilo buscar ao bolso, non o atopou. Nese momento, un mozo que intres antes estaba sentado ao seu carón, saíu correndo co móbil, que seguía a soar, entre as mans. Pero a mala sorte do ladrón non acabou aí, porque lle cortou o paso outro cliente do concesionario, que resultou ser policía local.

Presentan en España o perfume máis caro do mundo
O que se considera o perfume máis caro do mundo, que custa 195.000 euros, presentouse por primeira vez en España, onde se venderá a través da rede. O «No.I Imperial Majesty», creado en 1872 por petición da raíña Vitoria de Inglaterra e que se escolleu para os pasaxeiros de primeira clase do ‘Titanic’. Así o explicou Victoria Christian, representante de Clive Christian, quen tamén salientou que cada pinga do perfume concentra a esencia de 170 rosas, ademais doutros 200 ingredientes. Tamén é o máis caro do mundo o envase de medio litro, de cristal de bacarat, de fabricación limitada e exclusiva, e cun diamante. Ademais dese envase de 195.000 euros hai outro máis económico, de 30 mililitros que custa só 1.950.

10 de xuño 16 June 2007, 21:26

Pagará unha débeda con discos e recordos de Elvis
Unha británica declarada culpable de malversación de fondos terá que pagar a súa débeda coa xustiza cos discos e recordos de Elvis Presley que coleccionou durante anos. A fiscalía británica anunciou que a colección poxarase o vindeiro 10 de xuño e que os cartos que se recaden servirán para compensar o concello onde Julie Walls, de 47 anos, traballaba e do que roubou 600.000 libras. Walls, que xa fora condenada no ano 2005 a tres anos de prisión por malversación, quedouse durante dez anos con pequenas cantidades de diñeiro recadado nos parquímetros e que debera ter ingresado na conta bancaria do concello. A muller destinaba os cartos, ata 10.000 libras mensuais, a mercar discos e recordos do ‘Rei’ en feiras e en tendas de todo o Reino Unido. Entre eses obxectos están unha copia asinada do disco ‘A Date with Elvis’, un recibo dun aboamento feito polo cantante en 1964 coa súa tarxeta de crédito e unha edición limitada do primeiro CD de Elvis que saíu ao mercado. A fiscalía confía en recadar ata 300.000 libras na poxa, pois faltan só dous meses para o 30 cabodano da morte do artista, o 16 de agosto de 1977.

Casa aos 98 anos despois de convivir 70 coa súa moza
Despois de lle confesar que segue namorada, unha muller mexicana de 91 anos deulle o “si” ao seu mozo, de 98 anos, co que viviu 70 anos e co que xa ten 42 tataranetos. A voda celebrouse o sábado pasado en Guanajuato, no centro do país. “Sempre lle pedín que casase, pero non quería. Agora díxome que si, porque me confesou que está namorada de min”, dixo satisfeito Francisco Uribe despois da cerimonia civil, informou o xornal Reforma. Candelaria Álvarez, a muller, deulle o primeiro “non” en decembro de 1937. Francisco e Candelaria viviron en unión libre durante sete décadas, en que tiveron dez fillos, sete mulleres e tres homes; 31 netos, 29 bisnetos e 42 tataranetos. A pesar das negativas, el sempre lle mercou rosas vermellas a ela nos aniversarios de noivado. O segredo da súa longa relación é, segundo a parella, que sempre foron mozos.

Crean en California a ‘Dieta do quecemento global’
Unha nova dieta que vai alén da supresión de calorías, pois non só propón reducir o talle, senón tamén os gases que provocan o efecto invernadoiro no planeta, e non nos referimos aos que teñen a súa orixe nos intestinos. A ‘Global warming diet’ creárona a cheg Laura Stec e o profesor de Meteoroloxía da Universidade de San José Eugene Cordero, que ofrecen unha fórmula para reducir as emisións de dióxido de carbono. Antes de que a comida chegue ao prato, os alimentos transfórmanse, envásanse, transpórtanse, e todo iso supón un gran gasto de enerxía. Segundo un estudo da Universidade de Chicago, no ano 2002 a produción de comida nos Estados Unidos de América representaba o 17% do consumo de enerxías fósiles do país. Stec e Cordero propoñen consumir produtos da terra, producidos mediante un sistema orgánico, usando menos envases, mercando grandes cantidades e mesmo cultivando os propios alimentos. Tamén recomendan consumir menos carne, pois o gando aliméntase principalmente de millo, que xera moito dióxido de carbono e precisa de fertilizantes para o seu cultivo intensivo. Os autores do réxime tamén aconsellan consumir produtos do tempo, pois a súa importación tamén supón xerar máis contaminación para o seu transporte dende o outro hemisferio.

Un grupo musical formado por 40 anciáns entra na listaxe de éxitos británicas
Non son unha banda de rock corrente. ‘The Zimmers’, un grupo de corenta anciáns británicos que superan entre todos os 3.000 anos conseguiron co seu primeiro single entrar no Top 40 do país na vixésimo sexta posición. O grupo de xubilados, algúns deles centenarios, estreáronse no panorama musical cunha versión do tema ‘My Generation’, dos Who. A idea xurdiu dun xornalista da BBC, Tim Samuels, que decidiu facer un programa sobre os maiores británicos e a marxinación que sofren. Entón tivo a idea de conseguir que un grupo deles gravase un tema e entrase nas listas de éxitos. O pasado mes de febreiro xuntaron corenta pensionistas nos estudios de Abbey Road, e conseguiron gravar o tema en só catro horas. Dende aquela, o Reino Unido vive unha auténtica zimmermanía, a pesar de que hai emisoras que se negaron a emitir a súa música. O vídeo xa o viron máis de 2,3 millóns de persoas no YouTube.

Un home bate o récord de comer cachorros quentes: 59
Joey Chestnut (Pepiño Castaña), de 23 anos e residente en San José, California, bateu a nova marca o sábado durante un concurso no centro comercial Arizona Mills de Tempe, un suburbio de Phoenix. Despois de tragar 59 cachorros e medio cos seus respectivos pans, Chestnut bateu o récord que conseguira o xaponés Takeru Kobayashi. O nipón inxerira 53 salchichas e tres cuartos o 4 de xullo do ano pasado durante un concurso que se desenvolveu en Nova York. Chestnut fora segundo, con 52 cachorros quentes. “É incrible. Segue e segue”, afirmou Ryan Nerz, empregado da Major League Eating, ente regulador dos concursos de inxestión de comida. Chestnut gañou unha viaxe a Nova York, fornecemento anual de cachorros quentes e un vale de compra de 250 dólares para un centro comercial.

3 de xuño 3 June 2007, 14:00

Yoko Ono come un can como protesta
A viúva do ex-Beatle John Lennon, Yoko Ono, e o artista británico Mark McGowan comeron un can de raza corgi, a preferida da raíña Elizabeth II, para protestar pola morte dun raposo na que participou o príncipe Philip. McGowan, que xa comera un cisne como parte dunha performance, decidiu inxerir o can durante a emisión dn programa de radio en Londres. Dixo: «Sei que algunhas persoas atoparán isto ofensivo e de mal gusto, pero fágoo para deixar de manifesto a incapacidade da Real Sociedade para a Prevención da Crueldade contra os Animais para procesar o príncipe Philip e os seus amigos, que dispararon contra un raposo e deixaron que loitase pola súa vida durante cinco minutos para despois matalo cun pau». McGowan asegurou que o can que comeu, que morrera nunha canceira, tiña un gusto «realmente noxento» e engadiu que Ono «se viu un pouco estraña» ao comer un cacho do animal. A raíña de Inglaterra ten actualmente catro cans desa raza, que se chaman Pharos, Emma, Swift e Linnet.

Unha rapaza case completa un curso escolar en Stanford sen se matricular
Unha rapaza estadounidense de 18 anos, Azia Kim, pasou oito meses estudando, durmindo na residencia e comendo no comedor da prestixiosa universidade de Stanford, en California, ata que esta semana a administración descubriu que nunca se matriculara. O vicerreitor de Stanford, Greg Boardman, dixo no xornal San José Mercury News. «Abusou da confianza que depositou a xenten nela». Como non estaba inscrita, Azia non tiña nin chaves nin carnet de estudante, pero convenceu os seus compañeiros de que a aloxasen nun cuarto que pertencía a outro estudante que marchara ao estranxeiro. Moitas noites, Azia non tivo máis remedio que entrar pola fiestra á súa habitación nas inmediacións do campus da universidade situada en Palo Alto, onde un ano de clases custa arredor de 32.000 euros. Os seus amigos describiron a Azia como unha doce rapaza de lentes, que ao comezo lles confesou que se quería cambiar de cuarto porque non lle caeran ben os seus compañeiros.

Un contribuínte morde na perna ao recadador de impostos
Poucas horas antes de que vencese o prazo legal para presentar a declaración da renda en Francia, un contribuínte perdeu os nervios e traboulle ao recadador que tentaba calmalo, informou este venres a oficina tributaria de Dunkerque, ao norte do país. Aparentemente, o home foi alí a informarse, pero axiña se amosou agresivo e ameazou con bater no seu interlocutor, a quen finalmente lle mordeu, informou a responsable da oficina, Beatrice Ciolczyk, á axencia AFP. «Foi moi violento. O persoal e os contribuíntes que estaban presentes quedaron traumatizados». O empregado foi trasladado a un hospital e quedou en baixa temporal, mentres o agresor quedaba detido. A oficina non precisou se o contribuínte lle debía cartos a facenda. A declaración do ano 2006 en Francia rematou o xoves á medianoite.

Un home salva o seu gato dun leopardo que saltara á súa cama
Arthur Du Mosch durmía pracidamente coa súa familia e co seu gato, cando recibiu na súa cama unha visita inesperada. Era un felino un pouco máis grande: un leopardo. Du Mosch, de 49 anos, que traballa de guía nun parque nacional, non se amedrentou. En calzóns e camiseta, colleu a fera pola caluga e someteuna durante uns 20 minutos, ata que chegaron os vixilantes do parque. «Estas cousas non pasan todos os días. Non sei o que fixen. Non o pensei», dixo Du Mosch. Raviv Shapira, que dirixe o distrito sur da autoridade de protección da natureza de Israel, dixo que se ten visto media ducia de leopardos preto da aldea en que vive Du Mosch, no deserto do Néguev, «pero nunca soubemos dun leopardo que entrase nunha vivenda». Os leopardos en Israel non representan riscos para os humanos. De feito, o exemplar que entrou na casa pretendía atacar o gato e non os humanos que durmían na cama. O gran felino estaba moi feble cando foi capturado.

Descobren unha bala da II Guerra Mundial no cráneo dunha anciá chinesa que tiña xaquecas
Jin Guangying, muller de 77 anos, era apenas unha adolescente en 1943, cando recibiu disparos dunha patrulla xaponesa cando ía visitar o seu avó, daquela membro da resistencia chinesa. Cando recuperou a conciencia, despois dun tempo, atopouse coa cabeza vendade, pero non notou ningún corpo estraño no interior. Os que si percibiron un comportamento distinto na rapaza foron os seus familiares, que comprobaron que, ademais de xaquecas, Jin de cando en vez botaba escuma pola boca e dicía incoherencias, como se se volvese tola. Os parentes pensaron que se trataba dun tumor, pero, como a familia era pobre, nunca lle puido facer unha revisión. Agora, despois de 64 anos, un equipo de médicos da provincia de Jiangsu rematou coas dores de cabeza que sufría a muller, cando lle extraeron a bala do cráneo. O proxectil resultou ser do tipo das que empregaban as tropas xaponesas durante a invasión da China. Os achegados de Jin confían en recibir unha indemnización e desculpas do goberno nipón, algo pouco probable, dados os antecedentes.

27 de maio 27 May 2007, 14:00

Mick Jagger tentou alongar o seu pene mediante a picadura de abellas
Segundo as declaracións dun colaborador do cantante dos Rolling Stones a unha das cadeas radiofónicas da BBC, Mick Jagger usou nalgunha ocasión o veleno deses insectos para aumentar o tamaño do seu membro viril e conseguir mellores ereccións.
Segundo Julien Temple, en declaracións a BBC Radio 4, Jagger cubriu o seu pene cunha cana de bambú e insertou varias abellas, que, ao atacar o membro inchárono e fixérono medrar de tamaño. Ese estraño método forma parte dun rito iniciático de voda do Amazonas. Temple asegurou que o cantante se someteu ao proceso durante a rodaxe do filme ‘Fitzcarraldo’, en 1981, aínda que ao final Jagger non puido participar por problemas alleos ao rito iniciático. O colaborador dos Rolling Stones tamén dixo que Mick pasou varios meses na selva do Perú e case se volve tolo aló.

Un mendigo convértese no dono do terreo que ocupaba
Harry Hallowes, un mendigo irlandés de 71 anos xa é o propietario do terreo onde vivía dende hai vinte anos, no acomodado barrio de Hampstead Heath, no norte de Londres. O home, antigo obreiro orixinario de Sligo, conseguiu o mércores o título de propiedade do terreo, de preto de 27 × 27 metros, no que vive dende 1986 e no que construíu unha cabana de 10 metros cadrados. O terreo, arborado e illado, ten un valor duns 2 millóns de libras, case 3 millóns de euros. Hallowes é unha figura controvertida no barrio; realiza pequenos traballos para os veciños e mesmo é amigo do actor Terry Gilliam.

Xoga dúas veces a mesma combinación no Euromillón e gana
A sociedade Française des Jeux anunciou esta semana que dous dos boletos gañadores do sorteo do Euromillón do 11 de maio estaban selados no mesmo lugar de París e pertencían á mesma persoa, que levou 35 millóns e medio de euros. Os dous validáronse no mesmo posto de venda de tabaco e prensa do número 70 da rúa Entrepreneurs. O gañador, que se quere manter no anonimato, selou os dous boletos con varios días de intervalo, e dixo «Conservo sempre as miñas combinacións fetiche, que vou xogando durante a semana. Por sorte, esta semana saquei dúas veces a mesma combinación do meu peto».

Un neno destrúe unha escultura de area duns monxes budistas bailando sobre ela
Os feitos aconteceron en Kansas City, EUA. Un neno viu unha morea de area de cores no chan e non o puido resistir. Pasou por debaixo da corda de protección e púxose a bailar enriba da area, unha detallada escultura budista. O neno estragou o traballo de oito monxes que pasaron dous días axeonllados na sala da estación de trens Union Station acondicionando a obra, que representa a fe budista. A mandala, que así se chama a escultura de area, estaba pola metade cando os monxes saíron do centro. Entón chegou o rapaz coa súa nai, que ía levar un paquete á oficina de correos da estación. «Deulle por bailar un pouquiño e destruiuna completamente», explicou o lama Chuck Stanford, do centro budista Rime, de Kansas. Geshe Lobsang Sumdup, líder do grupo que procede do mosteiro Drepung Gomang, ao sur da India, dixo «Non hai problema. Aínda temos tres días para rematar o traballo». Os monxes están de xira por Norteamérica recadando diñeiro para reconstruir un mosteiro no Tíbet.

Propoñen que unha canción da Hora Chanante represente España en Eurovisión 2008: Hijo de puta hay que decirlo más
Un colectivo de internautas, coincidindo co día do Orgullo Friki, da Toalla e do Orgullo Lusista e Reintegrata, o pasado venres, propuxo que a canción ‘Hijo de puta, hay que decirlo más’, represente España no próximo Festival de Eurovisión, que se desenvolverá en Serbia. O tema, interpretado polos actores do programa televisivo La hora chanante, da canle de pago Paramount Comedy e que pronto se verá na 2 de Televisión Española, recomenda en clave de humor facer máis uso deste insulto. O tema está baseado noutro interpretado hai anos por Míster T no que se lles recomendaba aos rapaces falarlles ben ás súas nais.

Os mexicanos menten unha media de catro veces ao día
Os mexicanos menten un promedio de case catro veces diarias e o 75% considera que o engano é ‘necesario’ e ‘xustificable’, segundo unha enquisa efectuada no país americano. O traballo, titulado «A mentira cotiá: un aceptado costume» conclúe, ademais, que sete de cada dez mexicanos se definen como nada ou pouco mentireiros. As persoas ás que máis se lles mente son os amigos, co 61,5%, mentres que os xefes, con só o 24,3%, son os menos enganados, segundo o estudo de Consulta Mitofsky. Tamén hai diferencia de sexos: os 38% dos homes dille mentiras á súa parella, fronte ao 32% das mulleres. Os que fan máis uso dos enganos son os estudantes, cunha media de 5,2 veces ao día. As amas de casa e os maiores de 50 anos só o fan 2,9 veces.

20 de maio 20 May 2007, 14:00

Un barrio de Colombia, aterrorizado por un ladrón de bragas
Unha muller da cidade colombiana de Pereira, chamada Diana, foi asaltada hai quince días. O ladrón levoulle o reloxo e a carteira, pero cando lle pediu que se sacase as bragas, temeu o peor. Porén, o delincuente só recolleu a prenda e botou a correr. A vítima sentiuse aliviada no momento, pero indignada despois. «Se aínda fosen unhas prendas finas… Pero levar unhas bragas de dous mil pesos (menos dun euro) é o colmo», asegurou. Igual ca ela, outras seis mulleres sufriron este particular expolio, segundo informa a BBC.
As asaltadas non coinciden na descrición do malfeitor, o que lle fixo pensar á policía que se trata dunha banda de atracadores unida por unha obsesión común: as bragas. Para atrapalos, as autoridades xa puxeron na rúa uns engados andantes: un equipo de mulleres novas que circula polo barrio coa esperanza de coller o xa famoso ‘quita calzóns’. Aínda que ata o de agora o ladrón non se amosou violento, os seus asaltos son moi desagradables.

Os bombeiros de Nova York atopan cobras, lagartos e arañas nun incendio
Os bombeiros chamados a extinguiren un incendio nun apartamento neoiorquino tropezaron cunha serpe pitón antes de se veren arrodeados de lagartos, cobras e arañas viúva negra, informou o venres o xornal New York Post. O tenente Ed Ireland contou: «Tiña a sensación de estar nun filme de ciencia ficción. Parecía un laboratorio de ciencias naturais». Ireland decatouse nun primeiro momento de que unha pitón ceibe estaba a carón da súa perna cando entrou nunha sala. Pero o apartamento, situado nun soto e onde vivía un mozo de 23 anos, Tony Baez, era tamén a residencia de rans, tartarugas e tarántulas. Dúas cobras morreron intoxicadas polo fume, pero o resto dos animais sobreviviron ao incendio e foron transportados a un refuxio, segundo o xornal. No ano 2003, nun episodio semellante, un tigre de Bengala de 225 quilos e un lagarto forno descubertos noutro apartamento da mesma cidade.

Un porteiro arxentino interrompe un importante partido para ir ao baño
Maximiliano Kadijević, porteiro do conxunto arxentino Defensores de Belgrano, pediu permiso para ir ao servizo deurante un partido de ascenso da primeira división B de fútbol da Arxentina e o árbitro, comprensivo coa urxencia, accedeu a interromper o xogo uns minutos. Foi o martes á noite, durante un encontro da penúltima xornada da liga, que Defensores perdeu contra Sarmiento de Junín, por 2-0. O porteiro explicou a súa repentina descomposición: «Algo sentoume mal, quizais un zume». Isto obrigouno a pedir tempo, como no baloncesto. O árbitro deulle eses minutos ao xogador e agardou por el para continuar co partido.

Un vallisoletano corta 1.670 lascas de xamón nunha hora e entra no Guinness
Diego Hernández, de 27 anos, rexistrou o seu nome no libro Guinness dos récords por ser o máis rápido ao cortar xamón. Conseguiu separar nunha hora 1.670 lascas de ibérico de landra, que pesaron 7 quilos e 70 gramos. Segundo as normas do famoso libro, as lascas deben ter un grosor de entre 0,05 e 1,5 milímetros e unha lonxitude de entre 3 e 10 centímetros. Hernández, mestre cortados, empregou dous xamóns de pata negra, cuxo contido se repartiu entre o público despois de que as xuízas de Guinness levantasen actas. O evento desenvolveuse na vía pública e con grande expectación. Diego estivo adestrando cinco meses para fortalecer as extremidades superiores, os pulsos e a zona lumbar para soportar a actividade durante unha hora a toda velocidade.

Britney Spears e Paris Hilton encabezan a listaxe de persoeiros que máis fartan os estadounidenses
Os norteamericanos están fartos de Britney Spears, Paris Hilton e Lindsay Lohan, segundo un estudo efectuado polo instituto E-Poll Market Research que recolle a edición electrónica da revista Forbes. O 72% dos 3.000 enquisados cualificaron a presenza nos medios de Britney Spears como de «sobreexposición», fronte ao 54% que opinara o mesmo hai cinco anos. Pero a que fora a súa compañeira de troula e protagonista de numerosos escándalos Paris Hilton non quedou moi por detrás: un 68% dos enquisados dixeron que a loura saíra demasiado nos medios no último ano. O top 10 complétano, no terceiro posto, Kevin Federline, ex-parella de Britney Spears; no cuarto, Tom Cruise; no quinto, Nicole Richie; seguida de Lindsay Lohan, Michael Jackson, Donald Trump, o xogador de fútbol americano Terrell Owens e Howard Stern, último amante coñecido da finada moza Playboy Anna Nicole Smith.

Un bebé de 11 meses recibe unha licenza de armas no estado de Illinois
Non foi un erro burocrático. As autoridades do estado de Illinois, nos Estados Unidos, concedéronlle unha licenza de armas a un neno de 11 meses, despois de que o seu pai cubrise e enviase correctamente a solicitude á policía. Segundo publica o Chicago Sun Times, Howard David Ludwig, coñecido como Bubba, recibiu o permiso un mes despois da que o seu pai llo pedise á policía estatal por internet e mandase a tarifa de cinco dólares. Na licenza pódese ver a Bubba, sen dentes e sorrindo, acompañado do deu nome e da data de nacemento, 14 de xuño do 2006. Ademais, na licenza figuran o peso e a altura do neno: 61 centímetros e 9 quilos. O pai de Bubba, de 30 anos, explicou que, como o seu fillo non sabe escribir, púxolle un bolígrafo na man, e a sinatura é un borrancho. Ludwig pai decidiu solicitar o permiso despois de que o avó do bebé lle regalase unha pistola Beretta. O permiso xa lle viñera rexeitado dúas veces: a primeira porque o pai non puxera que o seu fillo era estadounidense e a segunda porque non figuraba que el fose o pai do neno. Agora o neno xa poderá disparar legalmente a súa Beretta, pero non poderá mercar unha pistola nova por si mesmo ata que non teña 18 anos.

13 de maio 19 May 2007, 22:33

A bebida enerxética ‘Cocaine’ vai ter que cambiar de nome
Redux Beverages LLC anunciou o martes que lle vai cambiar o nome á súa bebida ‘Cocaine’ pola presión do goberno estadounidense, que considera que a denominación exalta unha droga ilegal. A bebida en realidade non contén cocaína, senón algo máis de cafeína da que unha cunca grande de café cargado, e a empresa dixo que seguirá a loitar para usar o nome. Redux, con sede en Las Vegas, dixo que tomara a decisión polas ameazas da FDA, Food and Drug Administration. Na súa defensa, lembrou que Yves Saint Laurent ten un perfume que se chama Opium e que non por iso fora obrigado a cambiar de marca.

Os excrementos de león e de tigre espantan os paxaros dos tellados
Algúns escoceses empregan os excrementos dos leóns e dos tigres dun parque safari próximo para espantar os paxaros indesexables do teito dos seus fogares, segundo afirmou o xerente do zoolóxico. E é que as deposicións dos felinos teñen un cheiro tan desagradable que as aves evitan achegarse á zona. Gary Gilmour, xerente do Blair Drummond Safari Park, situado preto de Stirling, sur de Escocia, dixo o luns que os habitantes recorren a esta solución porque as leis de protección dos animais lles impiden retirar os niños. Gilmour recibe moitas peticións de xente que quere espantar os paxaros, sobre todo no verán.

Presentan un dispensador de papel hixiénico de ouro e de diamantes valorado en 100.000 euros
E foi en Portugal. A compañía multinacional Renova presentou na Fashion Week de Lisboa o dispensador de papel de váter máis caro do mundo: unha caixa de ouro en forma de cubo, con 148 diamantes incrustados e que se vende por 100.000 euros. O modelo deseñouse para conmemorar o primeiro millón de rolos vendidos de Renova Black, papel hixiénico de cor negra, segundo informou a empresa portuguesa nun comunicado. A Gold Box, que así se chama o dispensador, pesa un quilo e ten unha base de madeira de pau de serpe, elaborado por artesáns ourives da Rua do Ouro, en Lisboa. Quen a merque recibirá de agasallo un rolo de papel hixiénico ao día de balde para o resto da súa vida. Ademais, a conmemoración tamén vai supoñer a fabricación dunha edición limitada de Diamond Rolls, unha serie de mil rolos exclusivos e numerados de papel hixiénico negro con matices brillantes, que se distribuirán a clientes importantes e líderes de opinión de todo o mundo.

Multan en Pequín a quen cuspa na rúa ou vaia mal vestido
As autoridades pequinesas, na súa campaña para mellorar a imaxe da China durante os xogos olímpicos do 2008, multaron máis de 50 persoas nunha semana por cuspir na rúa ou por se negaren a cambiar a súa vestimenta, que xulgaban incorrecta, informou o luns a axencia oficial Xinhua. As multas foron de ata 50 yuans, 4,8 euros, e impuxéronse durante a semana festiva do 1 de maio. As autoridades da capital chinesa sacaron campañas informativas na prensa para concienciar os cidadáns de que deben abandonar algúns dos malos costumes, como cuspir en público, non gardar as colas, botar lixo á rúa ou berrar en público.

Un brasileiro vende a súa muller pola internet
O goberno ordenoulle a un portal da internet que retire o anuncio en que un brasileiro ofreceu vender a súa muller por 100 reais, 50 dólares. A Secretaría de Política Pública e da Muller pediu a suspensión do anuncio e amoestou a páxina Free Market Web por violar a lei, que prohibe ofrecer “órganos humanos, persoas, sangue, ósos ou pel”. O anuncio apareceu no mes de abril e dicía “Vendo a miña muller por razóns que prefiro calar… Realmente preciso os cartos”. Segundo os medios de comunicación brasileiros, o home describiu fisicamente a súa esposa e mencionou as súas calidades como ama da casa e acompañante. Dixo ademais que ten 35 anos e “vale o seu peso en ouro”. A axencia de noticias Estado dixo que non estaba claro se o anuncio fora acordado pola parella ou se era un chiste. A Secretaría dixo que a súa obriga é reprimir actividades que lles causen prexuízos, discriminación ou violencia ás mulleres.

Un futbolista chipriota marca 16 goles nun mesmo partido
Panagiotis Pontikos, descoñecido ata agora, pasou á historia do fútbol mundial por marcar el só 16 goles nun mesmo partido. Os feitos aconteceron a pasada fin de semana na terceira división de Chipre, e o partido rematou a 24-3. Aínda que pareza mentira, como todo o que contamos neste informativo, os datos son reais e correspóndense ao encontro Olympos Xylofagou-SEK Ayios Athanasios. Panagiotis Pontikos, xogador do Olympos Xylofagou bateu 16 veces a portería do equipo rival. Coa súa actuación, gañou a admiración da prensa do país, onde ninguén lembra tal cousa. Cos seus goles, o equipo conseguiu o ascenso á segunda división. Ademais, o dianteiro, de 28 anos, xa chamou a atención dalgún cazatalentos. Corre o rumor de que o Anorthosis e o Appoel Nicosia están interesados en fichalo.

6 de maio 6 May 2007, 14:00

No Panamá causan furor caramelos recheos de grilos e de vermes
Os panameños xa poden degustar caramelos recheos con grilos e vermes criados en catividade, idea que lle valeu á súa creadora, Annie Muñoz, o premio da asociación panameña de executivos de empresas para novos emprendedores. O caramelo, que custa 75 centavos de dólar e está recomendado para combater as dores de cabeza e a hipertensión, véndese en feiras e en festas particulares. Os insectos críanse en lugares especiais para «controlar as toxinas e evitar que se contaminen con praguicidas», explicou Muñoz. Á vista do éxito, Annie proxecta abrir en Panamá un restaurante que servirá grilos en allada, vermes de mel e sopa de insectos, dos que dixo que son «exquisitos manxares», non sabemos se no seu significado galego ou portugués.

Prohiben tomar chicle e usar tacóns na Acrópole
Esta prohibición aféctalles aos asistentes á nova temporada de eventos culturais no Odeón, de 2.500 anos de antigüidade e situado ao pé da Acrópole de Atenas. Así o anunciou o consello central de arqueoloxía, KAS, que lle esixe á organización do festival de verán que impoña severas multas a quen non cumpra coa norma. Os tacóns considéranse moi daniños para o mármore de máis de dous milenios co que está construído o antigo teatro, lembra o KAS, que tamén afirma que o ano pasado se recolleron 27 quilos de chicles que algúns visitantes deixaron pegados debaixo das butacas. Ademais, a montaxe dos espectáculos deste ano estará supervisada por arqueólogos, despois de que se vise como algúns carpinteiros fixaban cravos sobre as placas de mármore do Odeón. Para que non colla despistados aos visitantes, a nova normativa virá impresa nos programas de man das actuacións.

Descobren o poder do veleno dunha araña brasileira que causa ereccións de varias horas
A Phoneutria nigriventer é unha araña brasileira de picadura velenosa, pero non mortal. Ata agora, só se coñecía que producía dor e certas molestias, pero os servizos médicos do Brasil comezaron a verse desbordados por cidadáns afectados por un efecto insólito: ereccións que se prolongan hoars e horas, segundo conta a revista ‘Live Science’. Os científicos xa comezaron a investigar o que pode ser un remedio natural contra a impotencia e para o terzo de afectados aos que non lles produce remedio a Viagra e medicamentos semellantes. Mentres as menciñas bloquean a perda da erección, parece ser que o veleno da araña o que fai é producila, como conclúen os estudos efectuados con ratas.

Denuncian un supermercado de Chile, onde as caixeiras teñen que usar cueiros porque non lles deixan ir ao baño
Segundo a denuncia da Central Unitaria de Traballadores, CUT, as caixeiras dunha cadea de supermercados de Chile non teñen pausa para ir ao baño, polo que se ven obrigadas a usar cueiros. O holding Cencosud, ao que pertencen os establecementos, négao. Segundo a sindicalista María Rozas, nos supermercados Santa Isabel cométense graves irregularidades laborais, polo que animou a poboación chilena a boicotear a rede de tendas. A empresa difundiu un comunicado no que rexeita as acusacións e asegura que as políticas de traballo dos seus supermercados respectan as leis laborais.

Un Boeing 737 está aparcado nunha rúa de Bombai
O avión, da compañía india Air Shara, fora abandonado no mes de abril e tiña que ser transportado a Nova Delhi para o seu uso no adestramento de pilotos da empresa. Despois de desmontar as alas e o resto do aparello en 17.000 pezas, os técnicos da compañía colocárono nun vehículo de transportes especiais que o tiña que ter levado á capital do estado. Pero o condutor confundiuse de percorrido mentres trataba de chegar á autoestrada, e atopouse no medio dun mercado, do que non puido saír. Deste xeito, deixou todo abandonado, agardando por que alguén fixera algo para trasladalo a outro lugar. Os comerciantes e os habitantes do lugar queixáronse perante as autoridades de Bombai porque a enorme fuselaxe entorpece o tráfico, non só polo aparello en si, senón tamén polos centos de persoas que se paran a velo, convertido nunha atracción turística. Co paso dos días, foron desaparecendo asentos e elementos de aluminio, que se venden na zona como recordos.

Berraba ‘help’ e non o socorreron porque os veciños pensaban que chamaba por Pepe
Un estadounidense de 33 anos sufriu en Toledo a ignorancia en idiomas do español medio, e del mesmo tamén. O mércores foi rescatado polos bombeiros, con signos de hipotermia, dunha zona case inaccesible nas ribeiras do Texo despois de pasar varias horas pedindo axuda. O problema foi que mentres a vítima berraba «help», os veciños do lugar pensaban que alguén estaba a chamar por un tal Pepe. Tivo que ser unha parella alemá que se hospedaba nun hotel próximo a que alertou o recepcionista, que si sabe inglés, de que unha persoa estaba a pedir socorro. Horas antes celebrárase na zona a tradicional romaría da Virxe do Val, na que moitos acaban bebendo máis da conta. Os veciños deberon de pensar que algún borracho seguía de festa e non lles fixeron caso aos berros. Unha vez o recepcionista e a parella de alemáns avisaron ao 112, os bombeiros tardaron tres horas en rescatar o norteamericano mediante un complicado sistema de poleas e cordas. O home non presenta ningunha fractura, só hipotermia e contusións e rabuñazos por ter estado varias horas nunha silveira. Descoñécese como puido chegar ata alí.

29 de abril 29 April 2007, 12:55

Multan con 1.800 euros á Pepsi despois de atopar vermes nun dos seus refrescos
Un tribunal da India impúxolle á multinacional Pepsi unha multa de 100.000 rupias, 1.800 euros, depois de que un consumidor atopase vermes nun refresco da marca hai cinco anos, informou a axencia IANS. O tribunal de consumidores de Himachal Pradesh aceptou a demanda dun home que no 2002 se queixou por ter atopado vermes e insectos nunha botella de Mirinda laranxa. O refresco mercárao nun posto de Dharamsala, no Himalaia, e despois da denuncia do consumidor analizouse o seu contido e determinouse que o seu contido era moi perigoso para a saúde, polo que presentou a denuncia. Pepsi xa sufrira a polémica o ano pasado na India polo chamado escándalo da Pesti-Cola, cando unha ONG denunciara que había pesticidas na bebida.

Unha italiana báñase espida na Fontana di Trevi para combater a calor
Unha italiana de 40 anos decidiu combater o día de máis calor do ano en Roma mergullándose como a súa nai a trouxo ao mundo na famosa Fontana di Trevi este domingo diante de centos de persoas. Identificada só como Roberta, a muller, orixinaria de Milán, deleitou os curiosos coa súa imitación da Dolce Vita mentres a temperatura chegaba aos 27 graos -que tampouco é tanto. Despois de se espir, xogar coa auga e gozar do sol na fonte uns minutos, a policía convidouna a recoller a roupa e marchar, cousa que fixo, entre os aplausos da multitude. Aínda que a auga lle pertence a todo o mundo, Roberta enfróntase a unha multa por «conduta obscena en público».

Deseñan un xabón con cafeína que axuda a espertar
Un grupo de investidores creou un xabón que contén cafeína para axudarlles aos seus usuarios a espertar polas mañás. O produto, que se chama Shower Shock, prové a cafeína equivalente a dúas cuncas de café en cada ducha. O estimulante absórbese naturalmente a través da pel, segundo os fabricantes. «Farto de espertar e de ter que agardar a que se faga o teu café da mañá? Es un deses tipos que se erguen groguis e que precisan dun empurrón máis? Coñeces algún programador que non se bañe frecuentemente e que precise motivación?» Así se anuncia o produto na páxina de internet ThinkGeek, especializada en produtos geeks. Ten aroma a menta e véndese a un prezo de 6,99 dólares, aínda que hai descontos se se merca máis cantidade. Cada peza está deseñada para dar un impulso estimulante en cinco minutos.

Un chinés ponlles aos seus cinco fillos os nomes das mascotas olímpicas
Un labrego de Xinxiang, na China, decidiulles poñer aos seus cinco fillos, nados nun parto múltiple, os nomes das cinco mascotas olímpicas, que en chinés, se se pronuncian por orde, significan «Benvidos a Beixín». O home tomou a decisión esta semana, a pesar de que as crianzas, dous nenos e tres nenas, xa teñen catro anos, algo nada estraño no rural chinés. As mascotas son Beibei, Jingjing, Huanhuan, Yingying e Nini, así que os rapaces chamaranse Niu Bei e Niu Jing, e as nenas Niu Huan, Niu Ying, e Niu Ni. Cando chamen por todos eles dirán «Beijing huanying ni», «Benvidos a Beixín». O pai decidiu poñerlles eses nomes pola proximidade dos xogos olímpicos e despois de reunilos a todos, pois tres estiveron vivindo con outros familiares pola falta de recursos dos seus proxenitores.

Deteñen a Hugh Grant por pegarlle a un fotógrafo cun ‘tupper’ cheo de fabas con tomate
O actor Hugh Grant foi detido o martes en Londres por agredir un fotógrafo, aínda que despois foi posto en liberdade baixo fianza. O suceso foi preto da casa do protagonista de ‘Catro vodas e un funeral’, ao oeste da capital británica, cando o fotógrafo Ian Whittaker lle preguntou se lle podía tirar unha foto. Segundo declarou Whittaker, de 43 anos, ao Daily Star, o actor, de 46, bateu nel varias veces e botoulle por riba unha fiambreira de fabas con tomate. «Tiña pinta de ter saído a correr pola mañá. Pregunteille se me sorriría porque estaba coa cabeza baixa. Pero debía de ter un mal día, porque empezoume a perseguir pola rúa abaixo. Deume dúas patadas e un golpe co xeonllo», dixo o reporteiro gráfico. «Cando lle dixen que teño dous fillos, berroume ‘Espero que morran dun puto cancro’. Iso molestoume e por iso fun á policía a denuncialo». A policía londiniense só confirmou que detiveron o mesmo día por unha agresión un home de 46 anos. Hugh Grant xa tivera problemas coas forzas da orde en 1995, cando fora sorprendido nun aparcadoiro de Los Angeles, cando unha prostituta lle practicaba unha felación.

O cartel do PP de Mislata usa uns símbolos en braille que non significan nada
A mensaxe en braille que aparece no cartel electoral do PP de Mislata, valencia, non significa nada e, aínda que emprega os signos do alfabeto para cegos, non compón ningunha frase con sentido, segundo denunciou Esquerra Unida e recolleu o xornal Levante. No cartel aparece sorrindo o actual alcalde do concello e candidato á reelección, Manuel Corredera, co lema «Crecemos juntos» e unha serie de símbolos en braille que se traducen como «V a.A úá vú,j u.V.M >1M». Segundo EU, que consultou con membros da ONCE, o feito é unha ofensa para os invidentes. Non é o primeiro roce entre o PP e EU en Mislata antes das eleccións. O 11 de abril o candidato de esquerdas acusou o PP de copiarlle o programa electoral en materia de Muller das anteriores eleccións.

Previous Next